O covid-19 rompe a tendencia do emprego e Galicia suma 8.252 parados en marzo

Comercio pechado polo coronavirus. AIDA SOENGAS
Segundo os últimos datos oficiais, 156.281 traballadores están afectados na comunidade por Expedientes de Regulación de Emprego (ERTE) 
 
A pandemia do coronavirus e a consecuente alarma sanitaria e paralización case absoluta da actividade económica está a pasar factura ao mercado laboral e Galicia non se salva das devastadoras consecuencias, xa que 8.252 persoas pasaron a engrosar en marzo a lista de desempregados, un 4,96 % superior ao mes anterior.

O paro na comunidade autónoma galega alcanza as 174.481 persoas, 3.640 máis respecto de marzo de 2019, un incremento de 2,13 puntos en termos relativos, segundo os datos dados a coñecer este xoves polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

Esta cifra non recolle, con todo, as consecuencias dos empregos que se perden de forma temporal ata que se levante o estado de alarma.

Por provincias, A Coruña rexistra 69.405 parados; Lugo, 17.053; Ourense, 19.322, e Pontevedra, 68.701 desempregados.

En canto aos sectores de actividade económica, do total de parados en Galicia, 5.950 son do sector agrícola, 19.045 do industrial, 14.443 da construción, 121.606 de servizos e 13.437 encádranse no apartado sen emprego anterior.

Segundo os últimos datos oficiais, 156.281 traballadores están afectados en Galicia por Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) e as empresas cursaron 29.839 solicitudes para acollerse a este mecanismo, posto en marcha especialmente pola crise desatada polo Covid-19.

Respecto das afiliacións á Seguridade Social en Galicia no mes de marzo, alcanzou a cifra de 1.002.624 para o total do sistema, o que supón unha diminución respecto ao pasado mes de febreiro de 9.730 afiliacións (-0,96 %), por baixo do 1,26 % que se rexistrou a nivel estatal.

Na comparativa interanual (marzo de 2020 con marzo de 2019) obsérvase unha diminución de 1.781 afiliacións no total do sistema en Galicia (-0,18 %) e unha diminución do 0,19 % (36.816 afiliacións) no conxunto estatal.

Fontes oficiais sinalan que como consecuencia da pandemia do coronavirus, cuxo impacto comeza a apreciarse de forma notoria a partir do día 12 de marzo, o dato de afiliación media non reflexa "con rigor" o ocorrido no conxunto do mes.

A crise sanitaria e a suspensión temporal de actividades a raíz do estado de alarma traduciuse nunha subida do desemprego en todas as comunidades autónomas, en especial en Andalucía onde o paro aumentou ata un 17,18 %, case o dobre que a media do Estado, do 9,31 %.

As menores subidas déronse en Madrid (3,08 %) e Cantabria (4,55 %), ademais da cidade autónoma de Ceuta (1,57 %). A cidade de Melilla é o único lugar onde o paro descendeu en marzo e fíxoo nun 1,36 %, é dicir, 129 desempregados menos.

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, dixo este xoves en rolda de prensa que os servizos públicos de emprego (SEPE) autorizaron xa no conxunto do Estado 620.000 prestacións a traballadores incluídos en expedientes de regulación temporal de emprego desde que o Consello de Ministros aprobou o mecanismo de simplificación para dar resposta á crise do covid-19 ata hoxe.

Díaz reprochou a cinco comunidades autónomas, Galicia entre elas, falta de cooperación ao non facilitar á autoridade competente estatal os seus datos de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego.

SINDICATOS. Os sindicatos galegos han reaccionado aos alarmantes datos do desemprego en marzo. Desde UXT-Galicia alúdese á prioridade de manter o emprego unha vez superada a crise sanitaria, para o que consideran "imprescindible" abordar a recuperación sobre unhas bases sólidas de futuro.

Para a central sindical dirixida na comunidade galega por José Antonio Gómez a protección por desemprego, con 69.000 persoas en Galicia sen ningún tipo de cobertura, segue sendo "insuficiente".

O secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, opina que a grave situación no mercado laboral vén determinada pola "insuficiencia e a tardanza nas medidas adoptadas polo Goberno do Estado xunto coa pasividade da Xunta, que condenan a un gran número de traballadores ao desemprego".

Para o dirixente do sindicato nacionalista, "atopámonos cun panorama onde moita xente está a consumir o seu desemprego sen visos de recuperalo".

Pola súa banda, a responsable de Emprego de Comisións Obreiras de Galicia, Maica Bouza, incide en que os datos do paro do mes de marzo "non reflicten a realidade" do mercado laboral, ao explicar que estes mostran só unha parte dos contratos temporais non renovados e dos despedimentos individuais, xa que non recollen as cifras da última quincena e a afectación dos ERTE.

Bouza destaca o "importante bajón" da actividade económica, coa consecuente contracción da contratación no último mes de marzo.

Desde USO-Galicia, o seu portavoz, Javier Souto, sostén que os efectos da crise actual, sanitaria e do emprego, "son alarmantes, polo que perdemos este mes, pero, sobre todo, polo que se continuará perdendo nos próximos meses".