A Delegación do Goberno inicia os trámites para declarar Paramos como zona catastrófica

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, recibe ao alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, para abordar a solicitude de declaración de zona gravemente afectada para Paramos. MONCHO FUENTES (EFE)

Tui pide "máis apoio" á Deputación para axilizar a peritaxe da zona afectada pola explosión da pirotecnia clandestina 

O delegado do Goberno, Javier Losada, informou que este mesmo xoves iniciáronse os trámites para a declaración de zona catastrófica para a parroquia de Pairamos, onde o pasado mes de maio tivo lugar a explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico. 

Losada mantivo unha reunión co alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, a quen lle adiantou que este mesmo xoves se remite ao Ministerio de Interior o informe para tramitar a declaración de zona afectada gravemente por unha urxencia de Protección Civil. 

"Logo de recibir hai dous días o informe económico do Concello, xa emitimos o informe e hoxe enviarémolo a subsecretaría de Interior para a tramitación deste expediente", informou, en declaracións aos xornalistas, o delegado do Goberno. 

Entre as súas peticións, Vázquez Padín, reclamou ao Goberno Central, e así llo traslado ao delegado, que asuma o custo de retirar e tratar os cascallos na zona afectada. Tamén solicita que se exima aos veciños da tributación pola percepción de axudas

Losada: Teñen que ter un soporte administrativo desde o concello para que o Estado poida tramitar esas subvencións

Precisamente, en canto ás axudas por situación de urxencias –fixadas por Real Decreto–, Losada indicou que se solicitaron un total de 51 subvencións e advertiu que para percibir estas axudas é necesario contar cos informes técnicos municipais. 

"Teñen que ter un soporte administrativo desde o concello para que o Estado poida tramitar esas subvencións", afirma Losada, que recoñece que a primeira chamada que fixo como Delegado do Goberno foi a Tui, un concello que "ten limitacións desde o punto de vista administrativo".

AXUDA DA DEPUTACIÓN. O delegado do Goberno escoitou todas as demandas trasladas polo rexedor, a quen aconsellou alcanzar un "acordo" con Xunta e Deputación para dotarse de "medios" e cumprir con todas as esixencias que require a tramitación deste tipo de axudas. 

Precisamente, aínda que recoñece que son competencias municipais, o alcalde de Tui mostrou unha "preocupación especial" sobre os labores de peritaxe e fixo un chamamento "case desesperado" á Deputación para que lle axude. 

Vázquez Padín: O concello non ten capacidade para facer unha peritaxe a 400 casas

"O concello non ten capacidade para facer unha peritaxe a 400 casas", dixo o rexedor, que pide axuda á Deputación para "dotar dun gabinete urbanístico" que lle permita facer fronte a estas "circunstancias excepcións". Neste sentido, a Deputación acordou enviar ao municipio unha aparelladora para axudarlle cos trámites urbanísticos.

O rexedor volveu a manifestar a súa petición de axuda ao organismo provincial despois de que o delegado do Goberno lles confirmase o inicio dos tramites administrativos en relación á solicitude de zona catastrófica, cuxo proceso confía en que se faga coa "maior prontitude posible".