Denuncian os "atrancos" que as persoas trans atravesan para obter un DNI

Desde os colectivos LGTB reclámase o compromiso das administracións cos seus dereitos

Marcha en defensa del colectivo LGTBI. EFE
photo_camera Marcha en defensa do colectivo LGTBI. EFE

Colectivos LGTBI pediron este venres, con motivo da celebración do Día do Orgullo, o compromiso das administracións públicas galegas cos seus dereitos "máis aló das pequenas mostras simbólicas". 

"Reclamamos cambios que melloren a nosa calidade de vida, e querémolos xa. Nin un paso atrás!", reivindicaron os colectivos Amizando, Ultreia e Arelas que este venres leron un manifesto na Praza do Obradoiro. 

Xunto aos representantes destes colectivos, participaron no acto de conmemoración do Día do Orgullo o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo; o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, e a do BNG, Goretti Sanmartín. Aínda que había edís de todos estes grupos, na conmemoración non participou ningún membro do PP local. 

Neste escenario e ante un Pazo de Raxoi no que lucía a bandeira LGTBI, deuse lectura a un documento no que os colectivos reclamaban "rapidez e determinación" por parte dos concellos ante unha Xunta que, segundo indicaron, "permitiu situar ao país á cola do Estado e de Europa".

"Unha violencia que continúa na procura de traballo, abocada ao fracaso como demostran uns niveis de paro superiores ao 80% para as persoas trans"

DISCRIMINACIÓNS. No acto que tivo lugar de forma previa ás manifestacións convocadas polos colectivos a última hora da tarde deste venres en Santiago de Compostela e na Coruña, os participantes denunciaron as violencias que lles afectan durante o día a día ás persoas LGTBI. 

Segundo censuraron, reprodúcense" en espazos que en toda sociedade democrática deberían ser seguros e "co amparo de moitas das institucións galegas e do Estado español", o que "dificulta" as súas vidas e lévalles, en moitos casos, "a perdelas". 

"Unha violencia que continúa na procura de traballo, abocada ao fracaso como demostran uns niveis de paro superiores ao 80% para as persoas trans", denunciaron a través do manifesto no que sinalan que esta violencia "podería ser", "en certa medida", "paliada" coa obtención dun DNI que reflicta a verdadeira identidade destas persoas. 

Con todo, sinalaron que iso sigue sendo "unha batalla" para moitas persoas pola "inacción" e os "atrancos" do goberno, que deixa aos adultos e ás menos "vítimas da arbitrariedade, dependendo de que as funcionarias, psicólogas e demais profesionais coas que traten teñan formación e predisposición a axudar". 
 

Comentarios