Denuncian ao Concello de Vigo por omisión do deber de socorro aos 'sen teito' 

A querela diríxese tamén á Policía Local e a Cruz Vermella

A Acampada contra a Pobreza de Vigo e, no seu nome, o activista Juan Carollo, presentou unha denuncia no xulgado de garda para que se investigue a posible comisión dun delito de omisión do deber de socorro por parte dos servizos sociais do Concello de Vigo, da Policía Local e da Cruz Vermella. 

Segundo informou Carollo en rolda de prensa, esta denuncia presentouse tras constatar que centos de usuarios "quedan fóra" do albergue cada mes por falta de prazas, e que nin o Concello, nin a Policía Local nin a Cruz Vermella —que xestiona o albergue— dan unha alternativa a estas persoas. 

Así, sinalou que, desde principios de ano, unhas 1.200 persoas foron acollidas na Acampada da Pobreza por non ter praza no albergue e, só no mes de outubro, foron 194 afectados. 

Na denuncia, Carollo fai constar o "vergoñoso abandono de funcións" do Concello, que fai caso omiso" das denuncias sobre esta situación, e lamentou que non haxa un centro de inclusión e actividades para persoas 'sen teito', de modo que non teñan que estar "a deambular" pola rúa. 

Así mesmo, advertiu de que hai "un albergue acabado e pechado" desde xullo na rúa Toledo —da organización Dignidade— e que non se abre, a pesar de que ofrece 18 camas. 

Finalmente, a presidenta da Federación Veciñal Eduardo Chao, María Pérez, constatou que "a situación do albergue é insostible" e que os servizos sociais do Concello de Vigo están saturados, o que se traduce en ausencia de alternativas tanto para os 'sen teito', como para as familias en risco de desafiuzamento, ou para aquelas que dependen de axudas sociais. "é incrible que haxa que chegar ao xulgado para denunciar isto nunha cidade onde hai superávit", condenou. 

Comentarios