As deputadas de En Marea, PSOE e BNG afean "o machismo" de Feijóo con Pontón

O presidente da Xunta dixo no pleno do mércores que a líder do Bloque "parece estar moi necesitada" e logo retirouno, pero as parlamentarias esixen desculpas 

A expresión "parece que a señora Pontón está moi necesitada" empregada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante o debate plenario deste mércores dirixida á portavoz parlamentaria do BNG causou a "indignación" das deputadas de todos os grupos da oposición, que asinaron un comunicado conxunto.

Na sesión plenaria, Núñez Feijóo empregou esta expresión para atacar ao portavoz de En Marea, Luís Villares, cando Ana Pontón xa concluíra o seu cara a cara co mandatario autonómico. O presidente da Xunta retirou el mesmo as palabras pronunciadas, pero as deputadas de En Marea, PSdeG e BNG esixen desculpas. 

"Queremos expresar que nos sentimos indignadas, como mulleres, logo da expresión machista usada polo presidente da Xunta", manifestaron no comunicado conxunto, no que cualifican da pronunciada de frase "inaceptable". "Que nos humilla a todas e nos ofende, máxime, cando se pronuncia polo presidente nunha sesión institucional do pleno do Parlamento que representa os galegos e galegas". 

"Ante o machismo, non podemos calar, nin pasar páxina coma se non pasase nada. O mínimo sería unha desculpa e sincera. O señor Feijóo aínda pode emendar o seu erro", engaden todas as deputadas da oposición. 

No seu comunicado conxunto, apelan a que "a igualdade e o respecto ás mulleres son principios básicos, que están recollidos no marco legal e político, pero que se non son aplicados no día a día redúcense a papel mollado".

"NON PODE PASAR EN SILENCIO". "No mesmo ano no que as mulleres galegas expresaron a súa inconformidade nas rúas co machismo, as e os representantes institucionais debemos reforzar o noso compromiso a favor da igualdade, empezando polas nosas propias condutas", sinalan as parlamentarias. Así, as asinantes entenden que o ocorrido "non pode pasar co silencio". "As palabras emitidas transcenden, con moito, o marco da disputa dialéctica e ofende a todas as mulleres", advirten as deputadas. 

Entenden que, "pola súa responsabilidade e atribucións políticas e simbólicas", o presidente autonómico débelles unha desculpa a todas". "Ás que somos deputadas e ás que non, e así emendar o ocorrido, que por desgraza, vai máis aló do excepcional", remacharon no seu comunicado. 

Asinan o manifesto: Noela Blanco Rodríguez, María de la Concepción Burgo López, Luca Chao Pérez, Ángeles Cuña Bóveda, María Luisa Pierres López, Ana Pontón Mondelo, Montserrat Prado Cores, Noa Presas Bergantiños, Paula Quinteiro Araújo, Magdalena Barahona Martín, Olalla Rodil Fernández, Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, Carmen Santos Queiruga, Eva Solla Fernández, María Dolores Toja Suárez, Julia Torregrosa Sañudo, Paula Vázquez Verao e Patricia Vilán Lorenzo. 

Comentarios