Desarticulado un grupo criminal con base en Madrid que roubou en 13 vivendas galegas

En total atribúeselles a autoría de 28 delitos deste tipo rexistrados en 10 provincias españolas

Un grupo criminal itinerante formado por cidadáns de nacionalidade albanesa e romanesas asentados en Madrid e especializado en roubar vivendas unifamiliares en Galicia e outros puntos do norte de España foi desarticulado, informou o Ministerio do Interior.

A operación, denominada Palmirador, culminou coa detención de tres homes e unha muller e a investigación doutros catro homes e dúas mulleres, aos que se lles atribúe a autoría de 28 roubos en dez provincias.

O material subtraído eran xoias de gran valor económico e diñeiro en efectivo, co que obtiveron uns ingresos de case 100.000 euros, aínda que boa parte da mercancía era vendida no estranxeiro, segundo os investigadores.

A principios de novembro do pasado ano produciuse un roubo nunha vivenda situada nunha urbanización da localidade de Grijota (Palencia), onde, os seus autores, tras forzar unha fiestra da cociña, accederon ao interior apoderándose de xoias de gran valor e diñeiro en efectivo.

Tras este episodio, comezou a investigación policial sobre os roubos nos que os autores accedían a leiras privadas forzando cadeados ou causando danos nos valos que delimitan a propiedade.

Tras unha análise detallada, a Garda Civil determinou que se trataba dun grupo criminal especializado en roubo a vivendas cunha gran mobilidade por toda España.

Os integrantes, con base en Madrid e Torrexón de Ardoz, desprazábanse para cometer os roubos chegando a efectuar ata máis de oitocentos quilómetros.

Os investigadores determinaron así que o grupo criminal habería perpetrado unha serie de seis roubos na Coruña, dous en Lugo, tres en Ourense, un en Pontevedra, un en Asturias, dous en Cantabria, nove en León, dous en Valladolid, un en Burgos e outro en Palencia.

O grupo, que estaba organizado e cuxos membros se repartían as tarefas, foi desarticulado tras varias fases, a primeira delas coa detención entre xullo e agosto pasado do de catro integrantes, deles tres homes e unha muller, e concluíu co arresto este mes de outubro doutras outros catro homes e dúas mulleres.

Os detidos foron postos a disposición do Xulgado de instrución 2 de Palencia, encargado da investigación xudicial, que remitiu copia a outros xulgados.

Comentarios