Desestimada a demanda de Laureano Oubiña contra Carmen Avendaño

O exnarco defende que a presidenta da Asociación Érguete danou o seu dereito á honra ao insinuar que traficó con outro tipo de drogas ademais de haxix ou cannabis

Avendaño y Oubiña, en los Juzgados de Vilagarcía. JOSE LUIZ OUBIÑA
photo_camera Avendaño e Oubiña, nos Xulgados de Vilagarcía. JOSE LUIZ OUBIÑA

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa desestimou a demanda interposta polo exnarcotraficante Laureano Oubiña contra Carmen Avendaño, á que absolve de todas "as pretensións" do demandante. 

Laureano Oubiña presentou a demanda contra Avendaño, presidenta da Asociación Érguete, por mor dunhas declaracións realizadas o ano pasado nunha entrevista para o programa radiofónico Hoy por hoy, da Cadena Ser, presentado por Pepa Bueno. Nas declaracións, Carmen Avendaño manifestaba: "... e sabemos que tamén traficou con outro tipo de drogas..., pero bueno...", en referencia ao demandante.

Oubiña reclamaba á "nai coraxe" unha indemnización de 1 euro, con todo, o maxistrado exime a Avendaño de toda culpa.

O xuíz argumenta na sentenza que "á vista da locución, non estamos directamente ante unha expresión de carácter inxurioso, denigrante ou vexatorio por si mesma".

Os feitos sucederon tras a saída de Laureano Oubiña de prisión tras cumprir condena por delitos contra a saúde pública. Este defende que danou o seu dereito á honra porque foi sentenciado por traficar con haxix ou cannabis, non con outro tipo de drogas.

Con todo, o xuíz considera que prevalece o dereito á liberdade de expresión de Avendaño sobre o dereito á honra de Laureano Oubiña.

"O manifestado non alcanza a suficiente relevancia nin reviste da entidade necesaria para que a liberdade de expresión deba ceder en favor do dereito á honra", sinala o xuíz na sentenza, na que destaca que o demandante ostenta a condición de persoa "pública", o que implica "unha restrición do seu dereito á honra".  Ademais, apunta que a "expresión combatida" deriva "duns feitos de gran relevancia pública".