Deteñen ao expresidente de Xóvenes Agricultores nunha operación contra a trata de mulleres

O número total de arrestados son nove, seis deles en Galicia e tres en Paraguai nun operativo que se despregou en Santiago de Compostela

Juan Pérez Miramontes. EP
photo_camera Juan Pérez Miramontes. EP

Nove persoas foron detidas, seis delas en Galicia e tres en Paraguai, nunha operación contra a trata de mulleres levada a cabo en Santiago de Compostela pola Policía Nacional. Entre eles atópase o expresidente do sindicato que se disolveu por razóns económicas Xóvenes Agricultores, Juan Pérez Miramontes.

Así o confirmou este mércores o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, en declaracións aos medios en Lugo, nas que apuntou a unha rede que captaba mulleres en Paraguai e traíaas a Santiago, onde eran obrigadas a exercer a prostitución.

Losada incidiu en que este operativo "está baixo segredo de sumario". "Vanme perdoar que non poida dar moitos máis datos, pero si confirmar que en Galicia hai seis detidos. É unha actuación que se fixo conxuntamente coa Fiscalía de Paraguai con outros tres detidos en Paraguai", relatou.

A operación "aínda está aberta e están detidos un español e cinco estranxeiros", detallou o delegado do Goberno. "Cando se poña a disposición da autoridade xudicial e cando o xuíz o permita daremos toda a información", asegurou.

Fontes policiais explicaron a Europa Press que a operación levouna a cabo na capital galega a Brigada de Estranxeiría en colaboración con axentes doutras unidades, algúns desprazados desde Madrid, baixo a coordinación dun xulgado compostelán.

FELICITACIÓN. Por iso, o delegado do Goberno en Galicia unicamente sinalou que a "operación (policial) está aberta para todas as ramificacións que podería haber".

"Vanme permitir tamén felicitar á Policía Nacional polo traballo realizado que permitiu en escaso tempo desmantelar dúas redes de trata de mulleres, unha na zona de Ferrol e outra en Santiago", concluíu.

Comentarios