Cae o histórico capo Manuel Charlín por un alixo de dúas toneladas e media de cocaína
O seu fillo Melchor e outras 21 persoas, a maioría en Galicia, foron arrestadas
Manuel Charlín Gama, o patriarca do clan dos Charlines, e o seu fillo Melchor Charlín Pomares foron detidos este mércores en Vilanova de Arousa no marco dunha macrooperación contra o narcotráfico na comunidade galega.
Polo momento, foron arrestadas 22 persoas, entre as que figuran coñecidos narcotraficantes como Jacinto Santos Viñas, localizado en Meis, ou José Andrés Bóveda Ozores, alias Charly, detido tras ser rexistrado o seu estaleiro no peirao de Tragove, en Cambados. Ademais, tamén foi detido un coñecido hostaleiro de Boiro.
Trátase dunha macrooperación contra unha organización dedicada á importación, o transporte e o alixo de drogas e os investigadores, segundo destacan as fontes, están a abordar todas esas frontes.
A droga foi apresada nunha operación de abordaxe a unha embarcación preto dos Azores. O xulgado de instrución número catro de Vigo dirixe a operación e decretou o segredo das actuacións.
REXISTROS. Ao longo desta xornada, a Policía Nacional realizou unha trintena de rexistros en Boiro, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Marbella, Huelva e en Yuncos, Todelo.
CHARLÍN. En 2010 Manuel Charlín saíu en liberdade grazas á nova doutrina de refundición das penas. Un ano despois quedaba en liberdade con cargos tras ser acusado de abusar sexualmente dunha menor.
*(1) Manuel Charlín. ARQUIVO
(2) Un helicóptero sobrevoaba este mércores Vilanova. LUíS POLO