Detido un home por roubar en casa de dúas anciás, unha delas a súa sogra

O acusado, veciño de Culleredo, levou un total de 22.000 euros, entre efectivo e xoias

Axentes da Garda Civil de Culleredo detiveron a un home, veciño desta localidade, por senllos delitos de furto cometidos nas casas de dúas anciás, unha delas a súa sogra.  

A Garda Civil recibiu o pasado día 10 unha denuncia dunha octoxenaria sobre a subtracción de 12.000 euros en efectivo do interior do seu domicilio. Dous días máis tarde, unha irmá que reside no mesmo edificio botou en falta 10.000 euros en xoias.  

Os investigadores centraron as sospeitas en alguén da contorna das anciás, e este xoves procederon a deter ao xenro dunha das denunciantes. O home accedería aos inmobles valéndose da relación familiar para, logo, subtraer o diñeiro e as xoias.

O detido, ao que se lle imputa a comisión de senllos delitos de furto, foi posto en liberdade á espera de que preste declaración no xulgado que lle corresponda.

Comentarios