Detido un condutor co carné retirado que chocou cunha patrulla tras fuxir e deu positivo en coca

O arrestado, un cidadán portugués, fixo caso omiso" aos axentes que lle deron o alto na A-52 e deuse á fuga "a gran velocidade"
Vehículo del conductor fugado en A Gudiña. GUARDIA CIVIL
photo_camera Vehículo do condutor fuxido na Gudiña. GARDA CIVIL

A Garda Civil detivo un condutor que deu positivo na proba de drogas e ten o permiso retirado en España ata 2020. O home, un cidadán portugués, deuse á fuga ao darlle o sinal de alto e acabou chocando contra unha patrulla do instituto armado na Gudiña. 

Atendendo á información da Garda Civil, unha patrulla do destacamento de tráfico deu o alto na madrugada do domingo ao luns no quilómetro 176 da autovía A-52 a un vehículo marca Volkswagen Golf, con matrícula de Portugal, pero o condutor fixo caso omiso" e fuxiu "a gran velocidade". 

Por iso, axentes procederon a seguilo a unha "distancia prudencial", mentres se establecía un dispositivo coas patrullas de seguridade cidadá da comandancia de Ourense. Ao final, no quilómetro 3,200 da estrada N-532, o vehículo fuxido chocou contra un o Nissan X-Trail da Garda Civil da Gudiña, que se incorporara ao dispositivo. Como resultado do accidente houbo danos materiais nos vehículos. 

Unha vez identificado o seu condutor, os axentes comprobaron que o home tiña o seu permiso de conducir retirado en España ata o 4 de xuño de 2020. Foi sometido ás probas de alcoholemia e detección de drogas, nas que deu resultado positivo en consumo de cocaína.