Detido un home de 40 anos na Coruña por propinarlle unha patada á súa parella

O individuo impediu a entrada ao domicilio á muller

A Policía Local da Coruña detivo este venres a un veciño de 40 anos de idade por un suposto delito de violencia de xénero, ao propinarlle unha patada á súa parella e impedirlle a entrada ao domicilio. 

Segundo informa o Concello herculino nun comunicado, a actuación iniciouse por mor dun aviso recibido na sala do 092 sobre un posible episodio de violencia de xénero na zona do mercado de Santa Lucía. 

Unha vez no lugar, os axentes localizaron diante dun portal a unha muller cun alto estado de nerviosismo, quen explicou que discutira coa súa parella facía uns momentos e que o home lle deu unha patada nunha perna. Tras iso, segundo o seu relato, botouna de casa e non a deixaba entrar ao domicilio

Seguidamente, os policías accederon ao inmoble, onde o home recoñeceu que tivera unha forte disputa coa muller e, tal e como indicou, esta propinoulle unha labazada, de modo que el empuxouna para defenderse, segundo a súa versión. 

O home tamén manifestou que intentara retela no domicilio e que, cando ela conseguiu abandonalo, el decidiu prohibirlle a entrada

En vista dos feitos, os actuantes detiveron ao home, que foi posto a disposición xudicial. A presunta vítima destes feitos foi trasladada ao centro de saúde Casa do Mar para a súa valoración médica.