Detido o responsable dunha empresa de desinfección por estafas en Pontevedra e A Coruña

Non remitía ao laboratorio as mostras de auga que recollía e presentaba informes falsos das analíticas para economizar gastos

A Garda Civil detivo ao responsable dunha empresa que se dedica a realizar tratamentos de desinfección e control de pragas, ao que se lle acusa de falsificar os informes cos resultados das análises da auga e lexionela de case unha trintena de empresas e organismos públicos da provincia de Pontevedra e A Coruña. De feito, non remitía ao laboratorio as mostras de auga que recollía e presentaba informes falsos das analíticas para economizar gastos.

Segundo informou o Instituto Armado, as investigacións iniciadas pola Sección do Seprona da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra no marco da denominada Operación Legiogal, comezaron o mes de outubro do pasado ano por mor da denuncia presentada por un concello desta provincia, "que foi onde se detectaron as primeiras irregularidades".

Por mor das investigacións levadas a cabo polo Seprona, esta empresa, situada na provincia de Pontevedra, era a encargada de analizar a auga da traída municipal, a lexionela das instalacións deportivas, as fontes e a piscina municipal.

Ao carecer de medios propios para realizar as análises, o responsable da empresa remitía as mostras a un laboratorio externo que debería emitir os resultados correspondentes, indicaron as mesmas fontes. Segundo se puido comprobar, apunta a Benemérita, "co obxecto de aforrar os honorarios que cobraban polas análises, unha alta porcentaxe das mostras de auga e lexionela recollidas por esta empresa no exercicio das funcións que tiña encomendadas, non só non as remitía ao laboratorio de referencia, senón que xustificaba a súa xestión entregando no concello o informe das analíticas que non se fixeron, utilizando para iso impresos falsificados do mesmo laboratorio, que cubría con datos evidentemente falsos".

EQUIPO DE TRABALLO. A partir deste momento constitúese un equipo de traballo mixto entre o Seprona e o Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade da Xunta co obxecto de valorar a posible afectación á saúde pública, o número de empresas afectadas e a cantidade de análise de augas de consumo e para detectar lexionela que supostamente se falsificaron", engade o Instituto Armado.

Tras unha "minuciosa análise" de posibles afectados por esta "mala praxe", destaca a Garda Civil, "púidose constatar que a empresa investigada puido estafar, polo menos, a 27 dos seus clientes, falsificando un total de 159 análises de augas, na súa gran maioría os relativos aos tratamentos de lexionela".

Entre os clientes supostamente estafados, ademais do concello que formulou a primeira denuncia, que foi onde se descubriron o maior número de falsificacións (26 en total), tamén se detectaron outros 26 establecementos, no seu maior parte hoteis, restaurantes e incluso dous centros públicos de ensino nas provincias de Pontevedra e A Coruña.

O maior número de locais onde se detectaron informes falsificados pertencen á provincia de Pontevedra, con 26 casos en total. Na súa maior parte están situados na comarca de Arousa (Vilagarcía, Cambados e Meaño), aínda que tamén se detectaron afectados noutras zonas da provincia como Vigo, A Estrada e Caldas de Reis.

PROVINCIA DA CORUÑA. Na provincia da Coruña outros seis establecementos que tiñan contratados os seus servizos coa mesma empresa foron vítimas da mesma estafa; catro deles en Padrón e dous en Ribeira.

As investigacións concluíron coa detención do xerente da empresa denunciada por un delito continuado de estafa a unha pluralidade de persoas, 27 establecementos ata a data identificados, que contrataran a prestación duns servizos retribuídos que non se prestaron, sendo enganados mediante a comisión dun delito continuado de falsidade documental ao recompilarse un total de 159 documentos, boletíns de informes analíticos, entregados a estes establecementos como proceso final do servizo contratado.

Ao mesmo tempo, levou a cabo un rexistro na sede social da empresa encartada, onde se incautaron varios computadores e dispositivos de almacenamento masivo que están pendentes de peritar. O detido foi posto a disposición do xulgado de Instrución de garda de Cambados, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.

Comentarios