Hospitalizado o mozo detido por abusar dunha nena de once anos en Monforte

Tivo que ser trasladado en ambulancia tras sufrir un desmaio nos calabozos

Coches da Policía Nacional. DP
photo_camera Axentes da Policía Nacional. EP

Un mozo de 29 anos de idade detido en Monforte por un presunto delito de agresión sexual a unha menor foi trasladado este sábado pola tarde en ambulancia ao hospital comarcal tras sufrir un desmaio no calabozo da Policía Nacional, onde se atopaba.

Ao peche desta edición, o home aínda estaba hospitalizado. É natural dunha localidade pontevedresa e ten parella e un fillo. A súa detención en Monforte produciuse por uns supostos feitos ocorridos na nave dunha empresa de estruturas metálicas, nos arredores do centro urbano.

A presunta vítima ten once anos e podería tratarse dunha sobriña do acusado. A menor reside en Monforte. Segundo a súa denuncia, o arrestado convenceuna para subirse a un vehículo co pretexto de darlle un agasallo e levouna ata o lugar onde se produciron os supostos feitos, que están a ser investigados.

Segundo transcendeu, non sería a primeira vez que sofre intentos de agresións sexuais por parte do detido, aínda que ata agora non puxera ningunha denuncia nin dito nada.

Segundo detallaron fontes da Policía Nacional, o mozo arrestado pasará hoxe a disposición xudicial.

Non é a primeira vez que ocorren feitos como este en Monforte. Hai só dous meses, un profesor de música tradicional quedou en liberdade con cargos tras ser denunciado por dúas mulleres adultas por, supostamente, abusar delas cando eran nenas.

Naquel caso, o xuíz decretou unha orde de afastamento de 200 metros e obrigou ao implicado a acudirse dúas veces ao mes en sede xudicial. Entón, a súa declaración durou preto de dúas horas.