Detido en Vigo un veciño de Vilagarcía que disparou a outro home na cabeza

O arrestado tiña 30 antecedentes policiais
Pistola requisada al detenido. POLICÍA NACIONAL
photo_camera Pistola requisada ao detido. POLICÍA NACIONAL

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un home de 42 anos, veciño de Vilagarcía de Arousa, como presunto autor dun delito de lesións, tras disparar a outro home co que estaba a discutir por unha débeda. 

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar de madrugada nunha vivenda da rúa Amieiro, entre Travesía de Vigo e Buenos Aires, onde se desprazaron varias dotacións tras recibir un aviso de que se escoitaron disparos. 

Os primeiros efectivos que chegaron, axentes de paisano, observaron a través dunha fiestra da casa que había dous homes no interior discutindo, e que un deles levantou unha man esgrimindo un arma de fogo. 

Tras avisar ao resto de dotacións, os policías adoptaron as medidas de autoprotección precisas e achegáronse á porta da vivenda, no momento en que esta se abría e saía o home armado. Aproveitando o factor sorpresa, os axentes abalanzáronse sobre el e lograron desarmalo e inmobilizalo. 

No interior do domicilio, había outro home que sangraba pola cabeza. Segundo relatou aos axentes, mantivera unha discusión co primeiro home por unha débeda e a disputa subiu de ton ata que se encerellaron nunha pelexa. 

O home coa ferida na cabeza golpeou ao outro cun obxecto e este sacou unha pistola e disparoulle, de tal modo que un proxectil lle rozou a cabeza. 

Ata o lugar desprazáronse efectivos de urxencias médicas, que atenderon aos dous homes. Así, mentres que o presunto autor do disparo recibiu varios puntos de sutura, o outro home tivo que ser trasladado a un hospital, para que se lle extraesen os restos de proxectil que tiña aloxados entre os ósos do cranio e a pel. 

O presunto agresor foi detido e, tras recibir asistencia médica, trasladado a Comisaría, onde se comprobou que ten antecedentes policiais. O arrestado e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de garda. 

Comentarios