Detido un vigués de 23 anos por agredir sexualmente a unha nena de 14 anos

A menor quedou en estado de shock e sufriu unha crise nerviosa

Avenida de la Florida de Vigo. GOOGLE MAPS
photo_camera Avenida da Florida de Vigo. GOOGLE MAPS

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un veciño da cidade, de 23 anos, como presunto autor dun delito de agresión sexual a unha menor.  Segundo informaron fontes policiais, a investigación dos feitos iniciouse o pasado 8 de xaneiro, por mor da denuncia presentada pola nai da nena (que ten 14 anos). Ese día, a última hora de tarde, a súa filla saíu do portal da súa casa na Avenida da Florida para facer unhas compras e un individuo abordouna, agarrándoa fortemente por un brazo, e obrigándoa a ir á parte de atrás dun edificio próximo. 

Unha vez alí, e baixo ameazas, tendo á nena atemorizada, someteuna a tocamentos en partes íntimas. Cando o mozo se foi, a menor quedou en estado de shock, paralizada e sen reaccionar durante uns minutos, e sentada nun banco. 

Cando logrou sobreporse e volver á súa casa, foi necesaria a intervención dos servizos sanitarios de urxencia, que a atenderon por unha crise nerviosa. Os pais presentaron denuncia e o grupo UFAM da Comisaría de Vigo puxo en marcha a investigación, que concluíu coa identificación e detención do presunto autor da agresión, que tivo lugar este luns. 

Unha vez trasladado a Comisaría, a Policía comprobou que ao detido lle constan dez arrestos anteriores, algúns deles por feitos violentos. O home e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de garda de Vigo.