Detido un vigués por agredir á súa parella, á que prohibía ter móbil

Ao home, ademais, atribúeselle un delito contra a seguridade viaria por conducir drogado

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, M.C.F., de 39 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, e ao que tamén atribúen un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos das drogas e provocar un accidente. 

Segundo informaron fontes policiais, as dilixencias iniciáronse precisamente por ese accidente de tráfico, rexistrado na zona de Teis na noite deste mércores. Ata alí desprazouse unha dotación, que comprobou que un turismo chocara contra un poste telefónico e contra outros dous coches que estaban estacionados. Con todo, no lugar non había ninguén, e non se puido contactar co propietario do automóbil sinistrado. 

Unhas horas máis tarde, unha persoa residente cerca do lugar do accidente púxose en contacto coa Policía para facilitarlle os datos do domicilio do condutor causante do accidente. 

A vítima explicou que nunca puidera chamar á Policía para denunciar os malos tratos porque non ten teléfono, xa que o agresor quítallos e rómpellos para que non poida comunicarse 

 

VIOLENCIA MACHISTA. Cando os axentes chegaron á vivenda, atendeulles unha muller de 53 anos de idade, quen recoñeceu que o coche implicado no sinistro era o da súa parella, M.C.F., e sinalou que, aínda que ela non viaxaba no turismo cando este chocou, si que escoitara o estrondo da colisión. 

Durante a conversación cos policías, a muller confesou que a súa parella a agredira o día anterior e, de feito, presentaba un hematoma e cortes nos brazos. Así mesmo, relatou que se produciron outros episodios anteriores de violencia machista, aínda que nunca denunciara por medo á súa parella. 

A señora tamén explicou que nunca puidera chamar á Policía para denunciar estes malos tratos porque non ten teléfono, xa que M.C.F. quítallos e rómpellos para que non poida comunicarse. 

O presunto agresor recoñeceu aos axentes golpear á súa parella o día anterior, aínda que argumentou que o fixo para defenderse. Por estes feitos, o home foi detido por un presunto delito de violencia de xénero. 

Ademais, ao realizárselle as probas de tóxicos pola súa implicación no accidente de tráfico, estas deron resultado positivo en cannabis, cocaína e medicamentos, polo que tamén se instruíron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.