"A dor de regra non é normal cando causa desmaio e incapacita", advirte a asociación querENDO

A entidade demanda a creación dunha unidade multidisciplinar dedicada ás 60.000 mulleres que actualmente padecen endometriose en Galicia

Página web de querENDO. EP
photo_camera Páxina web de querENDO. EP

A asociación querENDO, defensora dos dereitos das mulleres con endometriose -"unha de cada dez en idade fértil", o que equivale a 60.000 en Galicia e 9.000 con síntomas graves- demanda a creación dunha unidade de tratamento multidisciplinar desta enfermidade, porque "a dor de regra non é normal cando causa desmaio e incapacita".

Neste sentido, unha das portavoces da asociación, Carme Varela, en declaracións a Europa Press, advirte de que se debe meter na cabeza das mulleres que "a dor de regra que incapacita non é normal" e que estes casos "deben ser consultados canto antes", para facilitar un diagnóstico temperán, fronte aos oito anos de media que tarda en identificarse a endometriose na actualidade.

Deste xeito, para apoiar a visibilización da doenza, os fondos recadados na X Carreira Popular de Foz -que cada ano se destinan a unha entidade social- financiarán unha campaña escolar, Levanta as mans pola endometriose, para concienciar ás nenas de que "a dor na menstruación non sempre é normal", a pesar de que as "convenzan diso" con frases como "hai regras que doen moito e outras que doen pouco, se che doe pois mala sorte".

UNIDADE MULTIDISCIPLINAR. Ante a gravidade da situación, a asociación demanda a creación en Galicia dunha unidade multidisciplinar de tratamento, como forma "fundamental" de atención a unha "enfermidade sistémica que afecta a calquera parte do corpo" e que "non pode ser tratada só desde o punto de vista da xinecoloxía".

Por iso, solicita que este punto de atención incorpore "catro elementos fundamentais". Por unha banda, pide un departamento de radioloxía, xa que, segundo sinala Carme Varela, "ver a endometriose a través de ecografías e resonancias é moi difícil" e "os radiólogos especializados facilitan diagnósticos máis certeiros".

Ademais, tamén solicita un apartado de fisioterapia, porque "recuperarse dos danos que vai causando nos nervios que toca", ocasiona ás mulleres "moito dor constante e incapacidade para realizar as tarefas cotiás". Ás demandas anteriores súmase a "necesidade" de psicólogos, xa que as mulleres "chegan moi mal tratadas á fase máis grave da enfermidade", porque lles din con frecuencia que "son dores psicosomáticos e que están na súa cabeza, tratándoas moito tempo como enfermas psiquiátricas", algo que "as debilita".

Finalmente, desde a asociación piden unha unidade de dor, porque "o problema é que intentan convencelas de que hai que aprender a aguantar a dor, a pesar de que lles causa desmaios e resúltalles insoportable", polo que "acaba cronificándose". Respecto diso, Carme Varela explica que, "cando se aguanta a dor durante moito tempo, o cerebro e o sistema nervioso queda sobrecargado e, cando se soluciona a orixe do problema, a muller segue sentindo dor".

SÍNTOMAS PRINCIPAIS. Polo que respecta aos síntomas da enfermidade, Carme Varela apuntou que o seu diagnóstico "é tardío" e que, entre as súas primeiras manifestacións, como consecuencia "fundamental", está "a dor moi forte na menstruación".

Por iso, a asociación "intenta que a xente sexa consciente de que a regra pode xerar unha molestia, pero se cando se toma un ibuprofeno ou calmante non remite, xa non é normal, hai unha cronoloxía asociada e hai que buscar o por que". Ademais, advirte de que non só se dá este síntoma xa que, "dependendo do órgano no que se deposite a endometriose, pode provocar dores ao ouriñar, defecar e incluso nas relacións sexuais", todo iso en zonas "próximas á vaxina".

Así mesmo, tamén adoita provocar infertilidade, aínda que non sempre. Segundo Carme Varela, "cando se estuda a infertilidade feminina, detrás dun 50% dos casos hai endometriose" como "unha das causas máis frecuentes".

EN QUE CONSISTE. En concreto, como apuntou a portavoz de querENDO, a doenza radica na existencia dun tecido no útero que o recubre pola súa banda interna. Esta capa vaise adaptando aos estímulos ováricos e, cada vez que o ovario ovula, solta o óvulo para provocar un embarazo. Así, o tecido prepárase para recibilo e, cando a xestación non se produce, desescámase e cae en forma de regra.

No caso das mulleres con endiometrose, Carme Varela indica que estas teñen "ese tecido en calquera parte do corpo", e "igualmente sometido a eses estímulos hormonais". Deste xeito, "a capa tamén se prepara e sangra", a pesar de que "no resto do corpo non ten por onde evacuarse ese sangrado". Xa que logo, a consecuencia directa é a aparición de tumores, que reciben o nome de endometriomas ou de adherencias entre órganos.

Comentarios