Dous detidos en Ribeira por tráfico de drogas

No momento do arresto, un dos individuos portaba entre as súas roupas unhas 170 boliñas de heroína e cocaína

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Ribeira detiveron a dous individuos por tráfico de drogas tras unha investigación desenvolvida durante varios meses.

Segundo informou a Comisaría de Ribeira, foron detidos dous individuos de 34 e 46 anos de idade na localidade de Aguiño como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas. No momento da detención, un dos individuos portaba entre as súas roupas 19,5 gramos de cocaína en 90 bolsitas termoselladas e 18,5 gramos de heroína en 79 bolsitas.

A Policía indicou que realizados rexistros en varias vivendas en Aguiño e en Ribeira interviñeron 143,5 gramos de cocaína, repartidas en 192 bolsitas e en roca; 120 gramos de heroína en 579 bolsitas; 1,750 quilos de marihuana; 5,5 gramos de haxix; 800 gramos de sustancia de corte; varios teléfonos móbiles; dúas balanzas de precisión; un vehículo; unha prensa hidráulica e 8.455 euros en efectivo en billetes de diverso valor.

Ademais, os policías localizaron no lugar unha plantación de marihuana con sistema de ventilación, rega, transformadores e iluminación, con 311 plantas.

Os dous individuos detidos teñen antecedentes policiais por tráfico de drogas e delitos contra a propiedade.

Comentarios