Dous cans potencialmente perigosos mataron este mércores outro que paseaba coa súa dona nas proximidades da estrada de Catabois, en Ferrol, e, posteriormente, atacaron un rabaño de cabras.
Segundo informou o Concello, a Policía Local de Ferrol foi requirida para comparecer na rúa Sagrada Familia tras o aviso de que dous cans estaban a agredir un terceiro. Unha vez no lugar, os axentes observaron un rastro de sangue duns 50 metros ata o cadáver do animal atacado.
Tras comprobar que os cans non se atopaban no domicilio do seu dono, iniciouse a súa procura, e foron localizados nunha leira a escasos metros da vivenda, ao redor de varias cabras, entre as que había unha ferida.
Por iso, procedeuse á retirada de ambos os cans, que foron trasladados ao refuxio de Mougá, ao carecer o titular de todo tipo de documentación dos mesmos. Así mesmo, manifestou aos axentes que non desexaba facerse cargo dos animais nun futuro, debido a que non é capaz de controlalos e non puido acreditar ser o seu propietario. O home enfróntase a varias sancións por estes motivos.
OUTRAS DENUNCIAS. Tamén este mércores, pasadas as 20.00 horas, foron denunciados en Ferrol, por incumprir o decreto do estado de alarma, catro individuos que viaxaban no mesmo turismo, argumentando que se dirixían a un supermercado a facer a compra. Un deles xa fora denunciado en xornadas anteriores.
Unha hora despois, sobre as 21.00 horas, a Policía Local escoitou berros e ruídos nun piso da rúa Narón. Unha vez alí, os axentes atoparon a porta dunha vivenda aberta e a tres persoas no seu interior "cantando e berrando". Un deles manifestou ser o dono da vivenda, mentres que os outros alegaron que se "aburren nas súas casas" e que acoden a diario ao piso "para cantar cos seus amigos".
Finalmente, o martes, axentes da Policía Local acudiron pasadas as 15.00 horas a un supermercado da rúa Perbes pola presenza dunha persoa alterada. Unha vez alí, o persoal do establecemento contoulles que o home non lles fixo caso cando lle explicaron que non podía pasar porque o aforamento estaba completo. O cliente argumentou que "aínda non era a hora de peche" e "accedeu polo aparcadoiro, non respectando a cola de entrada pola porta principal".