Educación nega "desviación de poder" na asignación dunha praza na Escola de Restauración

Discrepa así da sentenza do TSXG que anulou a adxudicación dun posto de docente a unha cuñada da secretaria xeral de Igualdade

Escuela de Restauración de Pontevedra. GOOGLE MAPS
photo_camera Escola de Restauración de Pontevedra. GOOGLE MAPS

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, negou este mércores que exista "desviación de poder" na concesión dunha praza de docente na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra a un familiar da secretaria xeral de Igualdade, a taboadesa Susana López-Abella.

Pomar discrepou así da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula a creación e adxudicación desta praza no concurso de traslados de 2016 e indicou que o Goberno galego recorrerá esta resolución ante o Tribunal Supremo.

A conselleira pronunciouse neste sentido durante a súa resposta a dúas preguntas parlamentarias da oposición na que defendeu que caben "distintas interpretacións" deste caso e que, de todos os xeitos, trátase dunha resolución que aínda non é firme.

Olalla Rodil tachou de "cacicada" a mediación do Goberno galego para outorgar a praza

Pomar asegurou que a intención do Goberno galego era "ampliar a oferta de coñecementos que se imparten por especialistas neste centro" e que en ningún caso se pretendía beneficiar á cuñada de López-Abella. Neste sentido, reflexionou acerca de que o parentesco cun alto cargo do Goberno "non pode ser motivo de exclusión" nos concursos públicos e mantivo que o perfil da adxudicataria contribuía a mellorar a oferta docente do centro.

Adicionalmente, a responsable autonómica de Educación descartou que se producise "ocultación de datos" no proceso, posto que a praza foi anunciada na mesa sectorial con anterioridade ao concurso e puxo en dúbida os intereses do sindicato denunciante, que obtén "un beneficio tanxible" do recurso interposto. Así mesmo, sentenciou que un caso "puntual" e non firme "non pode servir para cuestionar a legalidade e a validez das actuacións" de toda a consellería.

María Pierres, do PSdeG, cre que o Goberno galego está "embazado polo bafo do amiguismo e do enchufismo"

Con todo, os grupos da oposición mostráronse claramente belixerantes con este suceso, xa que a deputada do BNG Olalla Rodil tachou de "cacicada" a mediación do Goberno galego para outorgar unha praza pública "a medida" a un familiar da secretaria xeral de Igualdade.

Rodil leu un extracto da sentenza que establece que a praza ofertada foi creada "ad hoc para que a mesma fose adxudicada á mencionada persoa cando non existe en Galicia" a especialidade que ela imparte, o que ademais xera "graves trastornos" na "calidade da docencia e na repartición das materias no centro".

A parlamentaria nacionalista asegurou que a Xunta xa intentou "colocar" a esta persoa en 2014 e que non cesou no seu empeño a pesar das advertencias formuladas entón pola Valedora do Pobo ata incorrer nun exemplo "flagrante" de "nepotismo" e "caciquismo" polo que demandou destitucións ou dimisións inmediatas.

Pola súa banda, María Pierres, do PSdeG, cre que o Goberno galego está "embazado polo bafo do amiguismo e do enchufismo" por mor de casos como este e defendeu que situacións como esta poden "e deber ser evitadas" por parte dunha consellería "alagada de responsabilidades políticas" a pesar da chegada da súa nova titular.

Comentarios