Galicia queda sen Gordo e só 'rabuña' cinco millóns

O segundo premio deixa 2.375.000 euros nun total de trece localidades galegas. A comunidade non saboreou nada do Gordo, que recaeu integramente en Madrid

O número 4.536, agraciado co segundo premio do Sorteo Extraordinario de Lotería de Nadal e dotado con 1.250.000 euros á serie, deixou 2.375.000 euros repartidos en 13 localidades galegas. O número foi cantado ás 11.21 horas no primeiro arame da sexta táboa.

Os nenos do Colexio Residencia de San Ildefonso Nicol Chungara Pardo e Youssef Salhi cantaron o número e Wilmer Preites González e J.Stiven Mendoza Candelo extraeron as bólas.

En total, este número, foi vendido en 14 administracións de 13 localidades galegas. Concretamente nas coruñesas de Neda, Mazaricos, Boqueixón, Carballo, Coristanco, Ordes e Santiago de Compostela; nas pontevedresas de Ponteareas, Moaña e Moraña; nas lucenses de Escairón e A Pontenova e en Ourense.

As administracións que máis repartiron foron a da Avenida do Xuvia de Neda, que vendeu tres décimos deste número -375.000 euros-; e, con dous décimos vendidos cada unha, a da Rúa García Lema de Mazaricos, a de Concepción Areal de Moaña e a da Avenida de Castrlao de Ponteareas. Cada unha delas repartiu 250.000 euros.

Este número recaeu en 84 administracións de 214 localidades de Granada, Valencia, Málaga, Valladolid, Madrid, Cádiz, Alacante, Biscaia, Sevilla, Ávila, Barcelona, Cidade Real, Xaén, Tarragona, Valencia, Santa Cruz de Tenerife, León, Badaxoz, Córdoba, A Coruña, Guadalaxara, Murcia, Alacante, Xirona, Huelva, Álava, Albacete, Almería, Asturias, Baleares, Burgos, Cáceres, Castelló, Cuenca, As Palmas, Burgos, Lleida, Lugo, Navarra, Ourense, Salamanca, Segovia, Zaragoza.

Comentarios