O sector lácteo galego retomará as mobilizacións o vindeiro luns

A plataforma galega reuniuse coa conselleira Ángeles Vázquez, que prometeu a creación dunha comisión de seguimento ao acordo entre ambas as partes
Una fila de tractores en Rodríguez de Viguri, en dirección a San Caetano
photo_camera Una fila de tractores en Rodríguez de Viguri, en dirección a San Caetano

A plataforma en defensa do sector lácteo galego, despois de reunirse este xoves coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, confirmou que se retomarán as mobilizacións a partir do próximo luns, e iso a pesar de que a Xunta se comprometeu á creación dunha comisión de seguimento do acordo asinado para axudar ao sector. En declaracións aos medios de comunicación tras o encontro desta tarde, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, sinalou que o luns darán comezo as mobilizacións, pero aínda con todo valoraron a posición da nova titular do ramo, que lles ofreceu "medidas a curto, medio e longo prazo".

García, despois da reunión que finalizou preto das dez da noite, considerou que o diálogo con Ángeles Vázquez é "moi distinto" que coa súa predecesora e agora conselleira de Mar, Rosa Quintana, porque "pasamos dunha conselleira que negaba o problema a unha que comparte a frustración" pola situación do colectivo. De todos os xeitos, emprazou a "esperar" para comprobar se a intención que mostra o Executivo galego de "liderar" o problema non queda "nun simple compromiso" e, polo tanto, ten "efectos prácticos".

García denunciou que as distribuidoras e as industrias están "a incumprir de forma manifesta" o convenio rubricado. A firma do pasado setembro non supuxo, tal e como expuxo, a subida de "nin un só céntimo" para os gandeiros, mentres que "incumprir" o asinado "sae gratis" para estes dous elos da cadea mencionados, xa que nin o Ministerio nin o Goberno galego impoñen "sancións".

Ante esta situación, os representantes dos gandeiros avanzaron que as mobilizacións ás que volverá o sector desde o vindeiro luns centraranse en "presionar" aos principais culpables desta situación, que son as empresas distribuidoras, segundo explicou Anxo Escariz, portavoz da OPL. En concreto, avanzaron que as protestas serán contra as empresas que realizan unha estratexia comercial máis "agresiva e brutal" e realizaranse nas principais cidades da comunidade, como Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense ou Lugo, enumeraron.

Tamén levarán a cabo, avanzaron, xornadas pedagóxicas nos centros comerciais para "concienciar" á cidadanía. E, de non emendarse o problema, dixo Escariz, continuarán as manifestacións e a intención é volver sacar os tractores á rúa en Compostela e A Coruña, sedes da Xunta e da Delegación do Goberno, respectivamente.

Insistiu Anxo Escariz en que se non hai solucións, non descartan "vir comer as uvas a San Caetano". A conselleira, mentres, remarcou que o seu compromiso é demandar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que se cumpra o convenio, e sinalou, así mesmo, que accede á creación da citada mesa de seguimento.

Ángeles Vázquez advertiu que para constituír esta mesa é necesario reunirse con todo o sector, e cos outros sindicatos, xa que o plan estratéxico "quedaría descolgado se non estivésemos todos". Sobre as actuacións que anunciaron que realizarán os gandeiros, a conselleira apuntou que as accións pedagóxicas coa cidadanía parécenlle "fantásticas", posto que é a mesma liña que segue o seu departamento, concienciar á xente para que consuma leite de "primeira calidade e cento por cento galega".

Comentarios