Un empresario de Santiago rouba dous millóns de máscaras para vendelas en Portugal

O material subtraído estaba valorado en cinco millóns de euros â?? O home foi detido
El polígono del Tambre, en Santiago. ARCHIVO
photo_camera O polígono do Tambre, en Santiago. ARQUIVO

A Policía Autonómica detivo a un empresario pola súa suposta implicación no roubo de case dous millóns de máscaras, entre outro material sanitario, nunha nave situada no Polígono do Tambre en Santiago de Compostela. 

O operativo comezou tras recibir o aviso de que na nave podería haber unha "gran cantidade de máscaras do modelo FFP2, luvas cirúrxicas, pantalóns, uniformes sanitarios, botiquíns e alcol", informou a Vicepresidencia da Xunta nun comunicado. 

A empresa, que se dedica á venda de material sanitario, está actualmente en situación concursal, puntualizaron as mesmas fontes da Xunta. Así, ante este aviso, os axentes solicitaron a autorización do administrador concursal e accederon ao interior da nave, onde comprobaron que a mercancía fora subtraída. 

En concreto, as máscaras foron roubadas case en toda a súa totalidade, puntualizou Vicepresidencia, xa que quedaron unhas mil unidades. Todo o material roubado, para o que se estima un valor aproximado duns cinco millóns de euros, foi extraído das súas caixas e plásticos protectores co "obxectivo de ocultar a súa procedencia", puntualizaron as mesmas fontes.

MATERIAL "MOI NECESARIO". Vicepresidencia detallou que "todo parece indicar que o roubo se produciu cando a pandemia do coronavirus xa estaba presente en varios países e era considerado un problema de saúde pública". 

Por iso, os autores do roubo "eran plenamente conscientes de que este era un material moi necesario na loita contra a enfermidade e que xa empezaba a escasear no marcado", puntualizaron as mesmas fontes. De feito, fixéronse cos materiais "que máis demanda ten actualmente e deixaron outros que non están tan solicitados, como botas ou botiquíns", apostilaron.

CÁMARAS DE SEGURIDADE. A partir dese momento comezou a investigación a través do exame de indicios, relataron as mesmas fontes, a comprobación das imaxes de cámaras de seguridade e a declaración de testemuñas. 

Deste xeito, "toda a investigación apuntou a un empresario da cidade" que fora visto ao redor da nave e que, recentemente, mantivera supostamente unha reunión con cidadáns portugueses que, con posterioridade, accederon ao interior desta empresa, indicaron. A hipótese actual, subliñou Vicepresidencia, "é que, tras roubar o material sanitario, este foi vendido a unha empresa fincada en Portugal". 

Por iso, procedeuse á detención do empresario pola súa suposta participación nos feitos. Unha vez tomada declaración, foi posto a disposición xudicial. 

Na actualidade proseguen as pescudas para localizar ao resto de autores e as persoas que recibiron o material en Portugal, polo que se solicitou a colaboración das forzas e corpos de seguridade do país veciño, destacou Vicepresidencia, que engadiu que se vai a informar de toda a operación á Delegación do Goberno.