En liberdade con cargos unha moza acusada de cinco furtos en Santiago

A investigación xurdiu por mor da denuncia dun home abordado por dúas mulleres en actitude cariñosa que se lle achegaron e, nun descoido, roubáronlle a carteira

Unha muller de 30 anos á que se lle imputan un total de cinco furtos cometidos en Compostela e con antecedentes por feitos similares quedou en liberdade con cargos tras pasar a disposición do xulgado de garda da cidade.

O pasado día 6 recibiuse unha chamada na sala do 091 na que un home manifestaba ser vítima dunha subtracción que terían peroetrado dúas mulleres, ás once da mañá e cando el se atopaba paseando pola zona monumental de Santiago.

Segundo o seu relato, informaron fontes policiais, este home foi abordado por dúas mulleres en actitude cariñosa que se lle achegaron e nun descoido roubáronlle a carteira, levándose máis de cen euros en efectivo.

A prema da vítima en avisar á policía, achegando datos relevantes sobre as autoras do furto, propiciou que a rápida resposta policial tivese como consecuencia a identificación destas dúas mulleres.

Por mor deste feito, os axentes lograron esclarecer catro furtos máis cometidos en Santiago desde o mes de decembro do ano pasado.

MODUS OPERANDI. O modo de proceder desta parella era abordar a persoas de avanzada idade achegándose o suficiente como para apropiarse de diñeiro ou obxectos de valor. En ocasións, este tipo de delincuentes para aproximarse ás súas vítimas utilizan como pretexto o parecido físico con algún familiar, simulan confundirlles cun coñecido e incluso, finxindo non ter recurso algún, abordan homes ofrecéndolles favores sexuais a cambio de diñeiro.

A Policía Nacional recomenda que, en caso de ser vítima dun feito delituoso deste tipo, mantéñase a calma, fíxense os detalles que axuden á identificación e se comunique canto antes.

Neste caso, constatouse a participación de dúas mulleres nos feitos, polos que conseguirían 500 euros. Só unha delas, de orixe romanesa, foi detida.

Comentarios