Tres enfermeiros que alugaron un avión para opositar en Galicia e Madrid logran praza

"Foi o mellor investimento da miña vida", asegura Mercedes Gómez, que traballa no Hospital de Verín
Las enfermeras Vanesa Faro (i) y Mercedes Gómez, dos de los cuatro enfermeros que alquilaron el avión a Santiago. BRAIS LORENZO (Efe)
photo_camera As enfermeiras Vanesa Faro (i) e Mercedes Gómez, dous dos catro enfermeiros que alugaron o avión a Santiago. BRAIS LORENZO (Efe)

A historia dos catro enfermeiros que viaxaron entre Galicia e Madrid en avión privado hai agora apenas seis meses para poder presentarse aos exames de oposición nas dúas comunidades tivo final feliz, pois tres deles conseguiron praza en Galicia, e o cuarto está pendente de saber se o logra.

Unha das opositoras, Mercedes Gómez, contou a Efe que o esforzo mereceu a pena, logo de encadear varios anos contratos en precario e interinidades. Durante todo este periplo, presentouse a exames en varias comunidades e asinou decenas de contratos.

"Foi o mellor investimento da miña vida", resume esta profesional, que ademais ten a sorte de poder traballar preto da súa casa, en concreto, no Hospital de Verín, centro que está inmerso en plena polémica polo peche do paritorio.

A viaxe, na que investiron parte dos seus aforros, saltou aos medios despois de que este grupo decidise urdir un plan que lles permitiu finalmente ir a Madrid e horas despois a Silleda, e así presentarse en dúas oposicións no mesmo día. 

Mercedes encadenou anos de contratos en precario e interinidades

Nesa convocatoria ofertábanse preto de 20.501 prazas en toda España polo que aumentaban as súas posibilidades en caso de presentarse en varias comunidades distintas, como fixeron. Unha vez elixidos destinos, Madrid e Galicia, os catro optaron por alugar un avión privado, nunha maratoniana xornada que comezou ás 7.30 horas, en Madrid; ir ao exame, que ademais empezou con atraso, e coller un taxi ao aeroporto, onde finalmente tomaron o avión para viaxar a Galicia.

Aínda sorprendida como o resto de compañeiros de viaxe polo balbordo causado nos medios, Gómez afirma que todo isto colleunos de imprevisto". Con todo, visto o resultado, remarca que todo o esforzo realizado —tanto económico como de estudos— tivo finalmente a súa "recompensa". Considera que se un se prepara ben e "aposta forte" por algo pode conseguir o seu obxectivo, polo que anima a todo aquel que queira —e poida— a ir "a por" todas e "non pecharse portas".

No seu caso, natural de Amoeiro, a súa alegría é dobre ao traballar na provincia. O seu obxectivo final engade, é, cando poida elixir destino, pedir praza en Ourense.

Comentarios