Os enfermos de Ela contactarán co seu centro sanitario cun lector ocular

Acto da Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica na Coruña. EP
A intención é estender o dispositivo a outros pacientes con trastornos neuromotores graves

Os enfermos de esclerose lateral amiotrófica (Ela)  disporán en Galicia dun lector ocular para comunicarse cos seus centros sanitarios. O Servizo Galego de Saúde ultima o concurso para poder dispensalos no primeiro semestre de 2020.

Anunciouno este sábado o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nun acto da Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica na Coruña. Ademais, destacou que o Sergas xa adquiriu lectores para cada hospital público co obxectivo de garantir "a autonomía" dos pacientes con esta enfermidade. 

A intención é estender o dispositivo a outros pacientes con trastornos neuromotores graves que ven minguadas as súas capacidades comunicativas.

Almuiña informou tamén de que a definición dunha vía rápida dela en cada área sanitaria garantirá que as persoas cunha sospeita de padecer a enfermidade teñan unha consulta nos servizos de Neuroloxía antes dos 15 días.