Enquisa 5-A | Feijóo podería atar o seu cuarto mandato con entre 40 e 42 escanos

Unha enquisa de Infortécnica para La Región reflexa un avance do BNG insuficiente para desbancar á coalición rupturista como segunda forza da esquerda tras un PSdeG estancado 

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección na carreira ao 5 de abril estaría hoxe en condicións de atar a súa cuarta maioría absoluta cunha pinza de entre 40 e 42 escanos, fronte aos 41 obtidos nas autonómicas do 25 de setembro de 2016. Así o reflicte a enquisa de Infortécnica publicada este domingo por La Región, segundo a cal non habería cambios de calado na oposición, aínda que os datos apuntan a un avance do BNG á conta da esquerda rupturista, que concorrerá baixo as siglas Galicia en Común-Anova-Mareas. Con todo, a coalición que ten a Antón Gómez-Reino como cabeza de cartel seguiría tendo maior peso no Parlamento que os nacionalistas.

EncuestaEleccionesEnGalicia2020

Con datos sobre intención de voto recollidos entre o 27 de febreiro e o 5 de marzo, a enquisa outorga á formación que dirixe Gonzalo Caballero entre 13 e 14 deputados, un menos dos que ten agora no escenario menos favorable. Con este estancamento, os socialistas unicamente lograrían consolidarse como primeira forza da oposición. Un título que a malograda En Marea —a coalición de Podemos, EU, Anova e as mareas municipalistas representada por Luís Villares— conquistou en 2016 ao facerse con 17.000 votos máis que o PSOE e empatar a 14 parlamentarios, aínda que avanzada a lexislatura a unión saltou polo aire. Segundo Infortécnica, agora a esquerda rupturista podería conservar entre 11 e 13 cadeiras de brazos.

O avance do nacionalismo non bastaría para que o BNG de Ana Pontón avantaxase a En Común, pois, de celebrarse os comicios nos últimos días, lograría entre sete e nove actas fronte ás seis actuais.

No entanto, Infortécnica constata que, cun mes por diante, a bolsa de indecisos pode condicionar o resultado.

E no espectro da dereita, o transvasamento de votos do PP a Ciudadanos e Vox sería limitado, pois a sondaxe recolle que, como moito, estas dúas forzas poderían lograr entrar no Hórreo con dous escanos. Para iso terán que superar a barreira electoral do 5% dos votos, unha xesta que se antolla difícil.

Comentarios