O escrutinio confirma que o PP perde a maioría absoluta na Deputación de Ourense

ábrese un escenario inédito na Deputación, con Baltar tendo que recorrer a acordos para alcanzar os 13 escanos da maioría absoluta.

Manuel Baltar. EP
photo_camera Manuel Baltar. EP


O escrutinio definitivo das eleccións municipais deste domingo 26 de maio confirma que o PP perde a maioría absoluta na Deputación de Ourense, polo que o aínda presidente en funcións, Manuel Baltar, terá que recorrer a acordos para revalidar o seu cargo. 

A xunta electoral deu a coñecer este mércores os resultados definitivos dos comicios locais na provincia, que deixan o pleno da Deputación coa seguinte conformación: 12 escanos para o PP; 9 ao PSOE; dous para Democracia Ourensá (DO); BNG mantería o deputado actual; e irrompería Cidadáns cun representante que podería ser clave para a gobernabilidade. 

Segundo aseguran fontes populares, o PP quedaría a 850 votos na zona de Ourense de obter outro deputado provincial. Deste xeito ábrese un escenario inédito na Deputación, con Baltar tendo que recorrer a acordos para alcanzar os 13 escanos da maioría absoluta. Cidadáns, que entra na institución, evita pór "liñas vermellas" e ábrese a falar "con todos". 

Outra posibilidade sería a de contar cos dous escanos de Democracia Ourensá. Con todo, o seu presidente, Gonzalo Pérez Jácome, aposta por estudar a expulsión do presidente popular entre o resto de formacións, para o que propón un pacto a catro entre o seu partido, PSOE, BNG e Cidadáns. Con todo, de non lograrse esta fronte común, DO tampouco se pecha a alcanzar un acordo co PP. 

Comentarios