Falece un home ao caerlle unha árbore encima nunha leira en Vilasantar

O incidente sucedeu no lugar de Raído sobre as 19.00 horas deste luns

Un home de mediana idade faleceu na tarde deste luns no termo coruñés de Vilasantar ao quedar atrapado debaixo dunha árbore nunha leira da súa propiedade.

Segundo informou o 112 Galicia, o incidente sucedeu no lugar de Raído sobre as 19,00 horas deste luns. Nese momento, os servizos sanitarios de urxencia alertaron ao 112 do ocorrido.

Tras recibir o aviso, os xestores do CIAE-112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Arzúa, da Garda Civil e do GES de Curtis.

Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de urxencia liberaron á persoa e, a pesar dos esforzos dos profesionais sanitarios por salvarlle a vida, tan só puideron confirmar o seu falecemento.

En concreto, o 061 desprazou ao momento unha ambulancia asistencial e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Curtis, que unicamente puido confirmar o falecemento no punto do home J.R.R.L., de 56 anos, sinalaron a Europa Press fontes sanitarias.