Falece un motorista nun accidente en Abegondo

A moto na que viaxaba a vítima chocou cun coche

Un motorista perdeu a vida este domingo ao mediodía como consecuencia dunha colisión no lugar de Orto de Arriba, no concello coruñés de Abegondo.

Segundo o 112, o sinistro produciuse na AC-221 ás 12.00 horas, cando chocaron un coche e a moto na que viaxaba a vítima. Ao lugar acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico, voluntarios de Protección Civil e os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, pero nada puideron facer por salvar a vida do motorista.

Non foi o único accidente rexistrado na área da Coruña. Os Bombeiros de Arteixo liberaron este domingo a unha muller atrapada nun turismo por mor dunha colisión con outro vehículo. Sucedeu ás 10.00 horas na Avenida de Arteixo, onde dous coches chocaron e a causa do impacto unha das condutoras quedou atrapada no interior do seu vehículo.

Por iso, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos bombeiros con base na localidade para rescatar á muller e facilitar a atención da ferida. Finalmente, foi evacuada nunha ambulancia do 061-Urxencias Médicas en canto quedou liberada, mentres que o outro condutor tiña dores nas costas e foi trasladado por familiares.