Unha riada cóbrase unha vida e deixa numerosos danos materiais en Viveiro

A filla da vítima tivo que ser rescatada por unha claraboia

Un coche arrastrado hast un garaje. ANTÍA
photo_camera Un coche arrastrado ata un garaxe. ANTÍA

Unha muller de 83 anos faleceu este domingo á noite en Viveiro ao anegarse o baixo da súa vivenda como consecuencia dunha riada provocada por unha tromba de auga inesperada.. 

O comisario da Policía Nacional en Viveiro, Jesús Seco, explicou este luns que a tormenta provocou unha tromba de auga, o que fixo que o arroio que pasa por Valdeflores se desbordarse.

A forza da auga conduciu, por mor deste fenómeno meteorolóxico adverso, a que a porta da "última casa que está antes do mosteiro de Valdeflores", na Xunqueira, se viñese abaixo, explicou en declaracións á prensa, polo que a planta baixa, onde estaba a anciá, quedou alagada.

Segundo o comisario, na segunda planta da casa estaba a filla da vítima, que se viu sorprendida e non puido facer nada por salvar a vida da súa nai, a cuxo corpo se lle practicará este luns a autopsia "para determinar as causas exactas da morte", detallou.

Nestes momentos, os equipos de limpeza afánanse por despexar de lodo e barro as áreas afectadas.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, comentou a Efe que para rescatar á filla os servizos de urxencias tiveron que acceder "a través dunha claraboia", dado que a planta baixa estaba totalmente alagada.

Balseiro sinalou, de feito, que os servizos de urxencias traballaron arreo durante toda a noite e revisaron "casa por casa" para comprobar se había máis xente atrapada por mor da riada, pero afortunadamente non se ten coñecemento de máis danos persoais.

Cuestión diferente son as perdas materiais, porque a auga entrou en vivendas, locais comerciais e establecementos de hostalería, pero os danos ocasionados están aínda sen cuantificar.

É máis, a auga chegou a arrastrar coches que estaban estacionados na zona de Valdeflores, que foi a máis afectada, manifestou.

Balseiro indicou así mesmo que a tormenta descargou na zona de Viveiro, porque noutros lugares tamén da Mariña, na costa de Lugo, apenas tivo incidencia.