Falece en Foz un nonaxenario que se saíu da vía e caeu por un terraplén

Noutro accidente un vehículo encaixouse contra un poste da luz
Vehículo del fallecido en San Martiño, en Foz. EP
photo_camera Vehículo do falecido en San Martiño, en Foz. EP

Un home de 92 anos de idade faleceu este sábado en Foz ao saírse da vía na antiga estrada de San Martiño e caer por un terraplén duns cinco metros. O accidente produciuse arredor das doce menos cuarto da mañá.

O GES de Cervo excarcerou ao finado e subiuno ata a estrada nun taboleiro, onde quedou tapado á espera da chegada do forense para que cerfique o falecemento, aínda que persoal do servizo de Urxencias Médicas 061 desprazado á zona comprobou que non tiña constantes vitais.

A Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e a Policía Local tamén interviñeron neste sinistro.

Doutra banda, a estrada que conecta Foz con Ferreira, á altura de Santa Cilla, rexistrou outro contratempo, no que un coche saíu da vía e encaixouse contra un poste da luz. No vehículo viaxaba unha parella, que non quedou atrapada e foi evacuada ao Hospital da Mariña por unha ambulancia do 061.

Os bombeiros de Barreiros acudiron a este sinistro, pero non foi necesaria a súa actuación. Tamén participaron a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Foz.