Hablamos Español leva ante a Fiscalía o "escrache" de Sanxenxo

O colectivo presidido por Gloria Lago tamén presentou denuncia ante a Subdelegación do Goberno

A Asociación Hablamos Español denunciou este luns ante a Fiscalía e ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra por presuntos delitos contra o exercicio dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, ao sentirse vítimas dun escrache por parte dun grupo de defensores da lingua galega. 

Os feitos ocorreron o pasado sábado en Sanxenxo, cando membros da asociación recollían firmas para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de Elección de Lingua, admitida pola Mesa do Congreso e "foron obxecto dun escrache por parte de aproximadamente 30 intolerantes, algúns deles bastante fanatizados, entre os que se atopaba unha concelleira do BNG", asegura o colectivo a través dun comunicado.

Un grupo de defensores da lingua galega presentouse o sábado con gaitas, pandereitas e consignas para tratar de disuadir aos asinantes. Na súa denuncia, a asociación presidida por Gloria Lago táchaos de "radicais" e asegura que "en todo momento procedían a increpar aos compoñentes da mesa e ás persoas que se achegaban a interesarse pola ILP, con intención de impedir que asinasen".

O colectivo asegura que non é a primeira vez que son obxectos de ataques por parte de nacionalistas "galegos que non soportan que se loite por defender que os nenos poidan estudar en español". Sinala, ademas, que "o escrache enmascarouse baixo a aparencia dunha reivindicación toponímica", xa que Hablamos Español usou na convocatoria o topónimo "Sangenjo".