Sete familiares detidos pola súa suposta participación en 33 roubos en Noia

A operación Manitas empezó en novembro de 2017, cando o instituto armado tivo coñecemento dunha serie de nbsp;furtos&na localidade

A Garda Civil detivo a sete persoas pertencentes a unha mesma familia, entre as que está un menor, pola súa suposta participación en 33 feitos delituosos en Noia, entre os que hai roubos con forza, roubos con violencia e furtos.

A operación Manitas empezou en novembro de 2017, cando o instituto armado tivo coñecemento dunha serie de roubos e furtos en Noia e outros municipios veciños, con procedementos similares.

Os axentes sospeitaron, desde o principio, que foran cometidos por un mesmo grupo criminal, aínda que despois a investigación revelou que tamén traballaran en colaboración con outras persoas alleas ao grupo e sen organización previa.

Con autorización do xulgado de instrución número dous de Noia, este mércores a Garda Civil rexistrou catro domicilios en Noia e un en Negreira, onde os investigadores recuperaron numerosos efectos vinculados aos roubos. O instituto armado explica, nunha nota de prensa, que entre este mércores e este xoves foron detidos seis adultos, tres cada día, e un menor, pertencentes á mesma familia.

Entre os 33 feitos supostamente delituosos que se lles imputan, está o roubo con violencia e intimidación en Negreira a unha empregada dun supermercado que ía ingresar 3.000 euros nun banco, onde foi asaltada por varios encapuchados. Na zona da Barquiña do municipio de Noia, golpearon a un empresario por resistirse cando lle roubaron 4.000 euros e outros obxectos de valor.

Durante a madrugada do 14 ao 15 de xaneiro deste ano, cometeron cinco roubos con forza en distintos establecementos públicos, entre os que destaca un do que subtraeron 3.000 euros.