Feijóo admite o mal resultado do partido pero defende que o PPdeG aguantou mellor

Pon xa o punto de mira nas municipais

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu o mal resultado do seu partido tanto no conxunto de España como en Galicia e fixou como obxectivo da formación do que non hai que desviarse lograr un bo resultado nas municipais, autonómicas e europeas do próximo mes.

Nunha comparecencia ante os medios nun hotel compostelán, pasada a medianoite, preguntado por se Pablo Casado debería dimitir e por se se ve proximamente na política estatal, insistiu en que as ocupacións do partido han de ser "recoñecer e detectar" por que obtiveron un resultado "malo sen paliativos".

"Cometeriamos un grave erro, con eleccións en tres semanas, -dentro dun mes- en descoidar a principal tarefa neste momento: conseguir uns bos resultados" nas eleccións do próximo mes.

"O resultado é de todos, cando é bo e cando non, a maioría en Galicia non é polo candidato, é polo PP, de Galicia e de España", afirmou Núñez Feijóo, que ao comezo da comparecencia destacara que o resultado do PP en Galicia foi "11 puntos mellor" que a media do PP estatal e é a comunidade onde o partido obtivo un mellor resultado.

Entre as posibles causas do resultado, mencionou a división do voto de centro dereita, en especial cara a VOX; unha formación que en Galicia non obtivo ningún escano, recordou.

Comentarios