Feijóo acusa á oposición de iniciar a "campaña electoral" usando os enfermos de hepatite C

Os portavoces da oposición coincidiron en recordar ao presidente galego o auto do xuíz de Santiago, e relataron casos de enfermos falecidos que aparecen no escrito da Fiscalía e que agardaron "meses" polo tratamento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, censurou este mércores e o comportamento da oposición, á que tachou de "indigna", por comezar "a campaña electoral utilizando a sanidade" e aos enfermos de hepatite C.

Durante a sesión de control no Parlamento galego, Núñez Feijóo respondeu aos grupos da oposición -PSdeG, BNG e AGE- ás súas críticas tras a denuncia da Fiscalía e o auto dun xuíz de Santiago, que chamou a declarar como investigados a dous altos cargos de Sanidade pola presunta comisión dun delito de prevaricación administrativa por atrasar supostamente tratamentos a enfermos de hepatite C por criterios económicos.

Os portavoces dos tres grupos da oposición coincidiron en demandar explicacións ao presidente galego por unha denuncia da Fiscalía que chega a falar de presunto homicidio imprudente no caso destes cargos de Sanidade.

Con todo, o presidente galego dixo que lle parece unha "trampa moral inadmisible" imputar a políticos ou a médicos mortes de persoas alegando que teñen que ver con atrasar un tratamento e insistiu en que nin o Servizo Galego de Saúde, nin Galicia, nin os médicos nin os hepatólogos, merécense un "xuízo sumarísimo contra a sanidade pública".

"Por iso seguirei defendendo aos profesionais, á sanidade púbica e aos familiares... fixemos todo o que podiamos facer", indicou.

Os portavoces da oposición coincidiron en recordar ao presidente galego o documento da Fiscalía e o auto do xuíz de Santiago, e relataron casos de enfermos de hepatites C falecidos que aparecen no escrito da Fiscalía e que agardaron "meses" polo tratamento, sen que algúns deles chegasen a recibilo antes de morrer.

"Sen candidato nin proxecto político nin apenas partido é indigno que empecen a campaña electoral utilizando a sanidade. Galicia queda moi grande e a esas familias debémoslles todo o respecto, paréceme indigno que se utilice o sufrimento das familias para facer política e deste xeito", replicoulles Núñez Feijóo.

Comentarios