Feijóo cre que o PSOE axudou a Vox en Andalucía para restar votos ao PP

"Vox obtivo 450.000 votos nas eleccións andaluzas porque o PSOE decidiu en campaña darlle unha gran oportunidade mediática", dixo

Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961). PEPE FERRÍN
photo_camera Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961). PEPE FERRÍN

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, considera que o PSOE axudou á formación de ultradereita Vox a conseguir un bo resultado electoral co fin de restar votos ao PP, e defende por iso un pacto entre estas dúas últimas formacións políticas. "Vox obtivo 450.000 votos nas eleccións andaluzas porque o PSOE decidiu en campaña darlle unha grande oportunidade mediática, cunha referencia continua a Vox, para que o PP retrocedese en votos", afirma Feijóo, que é tamén o presidente do PP galego, nunha entrevista divulgada este domingo polo diario Faro de Vigo.

Para Feijóo, "a razón dos votos a Vox é a política de pactos -do presidente do Goberno,- Pedro Sánchez con calquera e sen coñecer a cambio de que, o consentimento a un presidente dunha comunidade que cada quince días proclama a república catalá".

Preguntado sobre o apoio do PP a un partido extremo que cuestiona as medidas sobre igualdade de xénero e avoga por un modelo centralista, Feijóo afirma que a el "indígnanlle" propostas de Vox como "derrogar as leis que protexen ás mulleres e perseguen a quen non respectan a vida das mulleres, incumprimentos da Constitución, ou a extinción do estado das autonomías". 

Pero asegura que o PP de Andalucía "pactou o que se podía pactar" con Vox, opina "é un pacto homologable a calquera política sensata", afirma que "calquera que o lea apóiao" e expresa o seu respaldo ao candidato da súa formación a presidir a Xunta de Andalucía, Juanma Moreno.

Máis aló de que Moreno necesite os votos da formación de ultradereita en Andalucía para poder gobernar, o presidente galego asegura que "o PP é un partido de centro reformista, cun espectro desde a dereita ata o centro esquerda" e apostila: "Non vexo no futuro que Vox sexa a chave dun Goberno de España. Respecto da posibilidade de que eses pactos puntuais poidan repetirse nas próximas eleccións municipais en Galicia, Feijóo asegura que "un voto para Vox é un voto fantástico para o PSOE, as Mareas de Podemos e o BNG".

Comentarios