Feijóo pide explicacións "sen andrómenas", "avergonzado" polo sinistro do Marisquiño

O presidente da Xunta esixe ao Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria que faciliten a información que teñan "con claridade"

Alberto Núñez Feijóo. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Feijóo nunha rolda de prensa. EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou este luns que os feridos polo esborralle dunha plataforma no marco do festival de deporte e música urbana O Marisquiño "necesitan explicacións e hai que darlles explicacións", xa que foi un "disparate de sinistro" e "estamos avergonzados".

O xefe do Executivo galego, que este luns ao mediodía visitou aos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro, indicou á prensa que non se pode ocultar nada do que poida ocorrer", co cal "é o momento da investigación en profundidade", de saber que aconteceu, por que e de concretar o contido e alcance dun contratempo que xamais debeu suceder, detallou.

E incidiu, así mesmo, en que resulta insólito que veña abaixo unha zona próxima ao porto nunha cidade como Vigo, onde estaba autorizado un concerto, como tantas outras veces.

Neste sentido, Núñez Feijóo recordou que hai unhas dilixencias abertas por un xulgado en funcións de garda e toca "ir dando información con claridade e sen ningún tipo de tapuzo", tamén como é obrigación de todas "as administracións implicadas, Concello e Autoridade Portuaria".

"Contidos e relato", puntualizou o máximo mandatario autonómico, e concluíu: "Pídolle ao xulgado que investigue con profundidade porque estamos avergonzados de que se puido producir o que se produciu".

Dous das nove persoas ingresadas por este derrube recibiron o alta, co que son sete as que continúan en hospitais –catro no Álvaro Cunqueiro e tres na Clínica Povisa– e, desta cifra, dúas na Uci.

Comentarios