Feijóo propón unha convocatoria extraordinaria de MIR para atención primaria

Realizou este anuncio no transcurso da súa comparecencia ante a comisión de investigación sobre o impacto dos recortes na sanidade galega

Núñez Feijóo, durante su comparecencia en la comisión AGN
photo_camera Núñez Feijóo, durante a súa comparecencia na comisión. AGN

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores a súa intención de propor, na próxima reunión da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, unha convocatoria extraordinaria de 1.000 prazas de MIR para paliar o déficit existente de profesionais de atención primaria.

O presidente galego realizou este anuncio no transcurso da súa comparecencia ante a comisión de investigación sobre o impacto dos recortes na sanidade galega, á que acudiu  para defender a súa xestión ao longo dos últimos dez anos e na que trazou a liña a seguir para liquidar os problemas actuais do sistema.

A maior parte de medidas anticipadas por Núñez Feijóo estiveron relacionadas coa mellora da atención primaria e coincidiron cos bloques tratados polos grupos de traballo creados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) con profesionais de todas as categorías.

Así pois, o mandatario autonómico apostou pola creación dun director de atención primaria en cada área sanitaria, por definir e clarificar un novo modelo de roles profesionais, por axilizar a relación deste servizo coa atención especializada, por primar a permanencia en prazas de difícil cobertura, por unha ponderación máis adecuada das cotas de pacientes a cargo de cada facultativo ou por estimular a formación e innovación en primaria; entre outras medidas.

Ao longo da súa comparecencia, Núñez Feijóo reiterou unha idea central: que Galicia conta actualmente coa sanidade máis dotada e valorada da súa historia, aínda que non por iso deixa de ser un servizo "mellorable" que debe seguir sendo unha "obra de todos" os galegos.

Deste xeito, quíxose distanciar das duras críticas proferidas en datas recentes polas forzas da oposición e por certas asociacións, ás que acusou de practicar unha "premeditada descualificación global da sanidade galega", que non deixa de ser -asegurou- "un dos maiores logros colectivos de Galicia como pobo".

O xefe do Executivo galego quixo distinguir entre as críticas "que pretenden mellorar o sistema" e outras "que pretenden destruílo" en base " errónea idea de que todo está mal" e que dan pé a un relato "á marxe da verdade", como o que amparou a creación desta comisión de investigación.

Ademais, Núñez Feijóo denunciou na súa intervención a actitude mostrada pola oposición ao abandonar este órgano polas discrepancias existentes co plan de traballo aprobado en solitario polo PPdeG, o que -ao seu xuízo- mostra escaso respecto polo labor do Lexislativo galego e por todos aqueles a quen representa.

Segundo o titular da Xunta, estes grupos están a actuar en base ao "mesmo catastrofismo" mostrado anteriormente noutras materias como educación e xustiza e "coas mesmas mentiras" que entón, xa que non buscan "a mellora de nada" senón a "denigración reiterada de todo".

Mentres tanto, Núñez Feijóo optou por eloxiar o funcionamento do sistema sanitario e, para iso, decidiu repasar numerosos indicadores de actividade como o número de intervencións cirúrxicas, transplantes ou consultas hospitalarias, todos eles en máximos históricos.

"Son datos obxectivos e, con eles na man, cabe preguntarse se algún pode crer que estas cifras se poderían alcanzar cunha política baseada no recorte asistencial, como defenden desde a oposición. É evidente que non", sentenciou.

Do mesmo xeito, o presidente da Xunta subliñou que "non foi sinxelo" garantir a dotación necesaria para o sistema durante o tramo máis duro da crise e congratulouse porque o seu goberno fose capaz "de blindar e incluso de mellorar" os servizos públicos durante esta etapa, terminada cun maior peso da sanidade no PIB autonómico.

Núñez Feijóo atribuíulle o mérito deste logro tanto ao resto de departamentos da Administración pola súa xenerosidade en favor do de Sanidade, aos pacientes por aceptar adoptar condutas máis sostibles e, especialmente, aos profesionais do sistema que "exerceron o seu labor con soldos conxelados, sen extras ou con menos días de libre disposición" que agora se lle restitúen.

Comentarios