Feijóo admite que chamou unha segunda vez a Casado polo seu máster: "Se el está tranquilo, eu tamén"

Asegura que "moitos políticos" modificaron os seus currículos nos últimos meses e non se lles tratou "co mesmo rigor"

Alberto Núñez Feijóo y Pablo Casado. PEPE FERRÍN
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado. PEPE FERRÍN

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitiu que chamou unha segunda vez o líder dos populares, Pablo Casado, para preguntarlle polas informacións relacionadas co seu máster e que este lle manifestou a súa "absoluta tranquilidade". "Se o señor Casado está tranquilo, eu tamén", sentenciou en rolda de prensa, preguntado sobre o futuro de Casado no caso de que finalmente sexa investigado polo Tribunal Supremo. 

Feijóo, que soaba nas quinielas para suceder a Mariano Rajoy na Presidencia do PP, pero que decidiu non presentarse, desvelou que xa falou con Casado antes de que se celebrase o XIX Congreso Nacional Extraordinario do PP, do que saíu elixido novo presidente do partido. "Sobre ese asunto falamos as persoas que tivemos ocasión antes de que se celebrase o Congreso do Partido Popular. Eu mesmo pregunteille e manifestoume a súa absoluta tranquilidade", explicou Feijóo, quen engadiu: "Volvinlle preguntar agora e trasladoume a súa absoluta tranquilidade despois".

OUTROS CASOS, NON "CO MESMO RIGOR". Neste sentido, o líder dos populares galegos ironizou co seu desexo de que a prensa non trate "co mesmo rigor" ao resto de políticos, porque, segundo afirmou, algúns si poden ter "algúns problemas" cos cambios dos seus currículos. "Antes en internet púñase unha cousa e agora xa se pon outra. Non é unha acusación, pero en fin. Espero e desexo que o que non é nada quede en nada", dixo. 

Aínda que asegurou que non se dedica a ver o currículo doutros políticos e que só lle preocupa que o seu "coincida coa realidade", insistiu, sen mencionar casos concretos, en que nos últimos meses viu "moitos políticos" que pasaron de ter licenciaturas a estudos dunha licenciatura, de dobres graos a nada, e teses que despois resultaban non selo. 

Comentarios