Feijóo releva os cinco delegados territoriais

Tamén reforza a área de Política Social e anuncia relevos en Sanidade
Alberto Núñez Feijóo. XOÁN REY
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. XOÁN REY

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou este xoves a remodelación da estrutura orgánica a nivel de centros directivos da Xunta de Galicia, que contempla a renovación dos cinco delegados territoriais do Goberno galego.

A reunión semanal do equipo de Goberno da Xunta deu luz verde nesta xornada a este decreto para a remodelación orgánica do Executivo que, nesta ocasión, unicamente contempla a creación de dúas novas direccións xerais: unha de Relacións Laborais e outra de Atención Integral Sociosanitaria.

Un dos aspectos máis relevantes foi o cambio en todas as delegacións territoriais que agora pasan a estar ocupadas por Gonzalo Trenor (A Coruña), Gabriel Alén (Ourense), Luisa Piñeiro (Pontevedra), Javier Arias (Lugo) e Marta Fernández-Tapias (Vigo). 

SUBSTITUCIÓNS EN  SANIDADE E POLÍTICA SOCIAL. O presidente da Xunta anunciou varios cambios na segunda escala de organización das consellerías de Sanidade e Política Social, os departamentos autonómicos sobre os que recaeu o peso, ata o momento, da xestión da pandemia de covid-19. 

Así, deixan o cargo en  Sanidade o ata o de agora xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, o director xeral de Saúde Pública, o responsable de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, e a responsable de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado. Deste xeito, Julio Flores asume a Xerencia do Servizo Galego de  Saúde, Carmen Durán  Parrondo a Dirección Xeral de Saúde Pública e Ana María Comesaña a área de recursos humanos. 

En Política Social, consellería na que se crea a Dirección  Xeral de Atención Integral Sociosanitaria que exercerá o doutor Antón Acevedo, haberá substitución na área de Maiores e Persoas con  Discapacidade e en Familia, nas que  Ildefonso de Cámpaa e María Amparo González serán substituídos por Jacobo Rey e Fernando González Abeijón. 

Trátase de parte dos 19 nomeamentos efectuados no Consello de la Xunta deste xoves e dos que deu conta o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa na que xustificou as substitucións en  Sanidade coa entrada dun novo conselleiro, Julio García  Comesaña, e a configuración do seu propio "equipo". 

Os cambios na estrutura do Goberno inclúen a incorporación das competencias en Turismo dentro da Vicepresidencia primeira que dirixe Alfonso Rueda, ao mesmo tempo sae deste departamento a Secretaría  Xeral de  Igualdade para incrustarse no organigrama da Consellería de  Emprego e Igualdade, carteira que contará cunha Dirección  Xeral de nova creación centrada en  Relacións  Laborais que estará dirixida por Elena Mancha de Montero Espinosa. 

Xunto á Dirección Xeral de Relacións Laborais, que se ocupará da "reactivación económica e do emprego", tamén se crea a mencionada Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria dentro do departamento da Consellería de Política Social e que, baixo o mando de Antón Acevedo, encargarase de "perfeccionar os mecanismos de atención nos centros de maiores", ademais de avanzar no obxectivo de "repensar" o modelo de residencias da terceira idade da comunidade tras o ocorrido nos últimos meses. 

Así mesmo, a Consellería de Facenda asume a xestión da Escola Galega de Administración Pública (Egap), ademais de absorver a Dirección  Xeral de  Avaliación e Reforma Administrativa, onde estará á fronte Jesús Oitavén, que ata a pasada semana ocupaba a Secretaría  Xeral de Educación. Pola súa banda, Natalia Prieto sae de Avaliación e Reforma Administrativa para asumir Administración Local, tamén con rango de Dirección Xeral. 

Outro dos cargos nomeados polo Consello de la Xunta deste xoves é da Secretaría Xeral de Emigración, onde repite Antonio Rodríguez Miranda, no cargo desde o ano 2012. 

Comentarios