Fenosa utiliza drons para revisar case 550 quilómetros de liñas na Coruña

A compañía leva varios meses usando esta tecnoloxía na provincia

Unión Fenosa Distribución, filial de distribución eléctrica de Gas Natural, revisou preto de 550 quilómetros de liñas de alta tensión, case 50 circuítos de alta tensión e máis de 1.600 apoios na provincia da Coruña mediante o emprego de drons. En Galicia, os drons percorreron preto de 1.350 quilómetros e revisaron máis de 90 circuítos e case 4.500 apoios de alta tensión.

A compañía, tal e como informou en conferencia de prensa, en colaboración coa empresa especializada en traballos con drons Hemav, leva varios meses utilizando este tipo de tecnoloxía na provincia e máis dun ano desde que comezaron as primeiras probas desta actividade.

Os drons complementan a supervisión das liñas eléctricas, que actualmente se fai a través de operarios e de voos con helicópteros, e o seu uso permitiu detectar defectos que, mediante as inspeccións tradicionais, eran difíciles de identificar.

Durante a presentación deste proxecto na capital coruñesa, o director de Rede de Alta Tensión de Unión Fenosa Distribución, Abelardo Reinoso, destacou que "os drons aumentan a seguridade das operacións de inspección de liñas aéreas, xa que diminúen o número de traballos que se executan en altura. Ademais, axúdannos a ser máis eficientes, xa que aumentan nun 20% a produtividade dos traballos de revisión de liñas".

O uso de aeronaves non tripuladas no sector eléctrico supón unha evolución no xeito de xestionar os activos e na captación da información. Trátase dunha nova visión no modo de realizar a revisión de instalacións eléctricas co foco posto en reducir riscos e optimizar custos e tempos de execución, gañando en eficiencia na xestión do mantemento.

O equipo de traballo que manexa o dron está composto por un piloto certificado, que dirixe a aeronave, e un operador que manexa a carga de información.

O dron elévase ata unha altura máxima de 50 metros para poder enfocar o seu zoom sobre as zonas máis relevantes do apoio. Capta información da torre desde todos os ángulos e enfoca aos cables eléctricos para visualizar a rúa da liña e a súa contorna. Durante toda a actividade, o dron almacena datos en formato visual e térmico.

Comentarios