Ferido de consideración un home atropelado en Celanova

Na localidade de Ribadavia produciuse un accidente cun camión implicado sen que se rexistrasen feridos

Un home resultou ferido de consideración ao ser atropelado por un turismo na contorna na Praza Maior de Celanova, en Ourense.

Foi un viandante quen alertou ao 112 Galicia cando pasaban apenas uns minutos das once desta mañá e indicaba que o home estaba tendido na calzada e con diversas feridas.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios que acudiron ao lugar do accidente a bordo do helicóptero medicalizado de Ourense, aterrado no campo de fútbol da localidade para o traslado do enfermo.

Ademais do equipo do 061-Urxencias Sanitarias, desde o 112 avisouse aos Bombeiros de Celanova e aos axentes da Policía Local.

Tamén na provincia de Ourense, concretamente na localidade de Ribadavia, produciuse un accidente cun camión implicado sen que se rexistrasen feridos.

Con todo, a causa do sinistro, viuse afectado o tráfico na A-52, en sentido Vigo, ao paso polo punto quilométrico 252.

Segundo explicou a persoa que alertou ao 112 Galicia ás 11.30 horas, o vehículo saíuse do carril e encaixouse contra a mediana. Por fortuna, ninguén resultou ferido.

Comentarios