Ferido grave un motorista logo de chocar cun turismo en Mesía

O home foi evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia

Un motorista resultou ferido de consideración logo de chocar o vehículo que conducía cun turismo no lugar de Olás, no termo municipal coruñés de Mesía, informou a central que se ocupa de coordinar a atención ás urxencias que se producen en Galicia.

Foi un particular quen se puxo en contacto co 112 Galicia cando pasaban das sete e media da tarde do mércores para pedir asistencia médica urxente para un motorista ferido grave por mor dunha colisión cun coche á altura da área Recreativa de Ponte Carballa.

Enseguida o persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia pediu a colaboración dos profesionais sanitarios, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos membros do GES de Curtis, que, ademais de prestar apoio aos efectivos do 061-Urxencias Sanitarias, procederon á limpeza da vía co fin de restablecer as condicións de seguridade.

Finalmente, o motorista foi evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.