Ferido un menor tras chocar dous coches no Barco

O menor foi trasladado polos servizos sanitarios a un centro hospitalario

Un menor resultou ferido nun accidente de tráfico rexistrado na mañá deste mércores ao chocar dous vehículos no termo municipal do Barco de Valdeorras.

Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro tivo lugar sobre as 12.00 horas na rotonda do Polígono da Raña cando dous coches chocaron e un neno resultou ferido.

Foi un particular quen informou ao 112 Galicia dun accidente con posibles feridos, polo que se pasou aviso ao 061 e aos axentes de Tráfico e da Policía Local. Os Bombeiros e os membros do GES e de Protección Civil de Valdeorras tamén foron informados.

Segundo indicaron os membros do GES ao 112, o menor foi trasladado polos servizos sanitarios a un centro hospitalario.