Ferreiro repite na Coruña coa Marea como alternativa ao "retroceso"

Aposta no seu programa por unha cidade herculina "capital das persoas", con medidas en máis de 30 áreas 
 

El alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro. CABALAR
photo_camera O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. CABALAR

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, preséntase á reelección como candidato da Marea Atlántica sen "ter medo aos comicios" municipais do 26 de maio, aos que concorre como alternativa ao "retroceso" e ante os que pide tempo para valorar o "cambio que se nos pediu" nas anteriores eleccións. A formación liderada por Ferreiro presentou este venres ante os seus militantes e simpatizantes o programa de Goberno co que quere revalidar o seu mandato como rexedor municipal.

En Marea Atlántica exhibiu músculo no Paraninfo da Universidade da Coruña a pouco máis de 20 días para a celebración das eleccións municipais, nun salón repleto de público de todas as idades que se puxo en pé á chegada do alcalde, o único que se dirixiu aos presentes por espazo dunha hora, e onde se escoitou resoar o cántico "hai marea" entre os aplausos. En cada butaca colocáronse periódicos de papel en cuxa portada se podía ler o titular, "A Coruña, capital das persoas" e, debaixo, outro slogan como subtítulo, que rezaba "preto de todo, preto de ti".

Temos que decidir se queremos unha cidade próxima, inclusiva, acolledora, sostible, ou se queremos volver para atrás

Xulio Ferreiro, cuxa imaxe persoal é o eixo central da campaña, quixo resaltar os aspectos positivos da cidade como "motor de emprego e riqueza de Galicia, que se colocou na vangarda do investimento social", e recordou que "hoxe podemos dicir que encadeamos tres anos de crecemento poboacional e económico e recuperamos os niveis anteriores á desfeita da burbulla inmobiliaria e o crack financeiro", dixo.

O candidato á reelección explicou aos asistentes que Marea Atlántica é o único partido que presenta "un modelo de cidade que se pode desenvolver", e subliñou que o seu primeiro mandato serviu para sentar as bases dun "cambio, tanto no superficial, no que xa vemos, como no imprescindible, o que aínda demoraremos en ver". "Só coa perspectiva do tempo somos capaces de valorar o cambio que se nos pediu", alegou.

Avoga por recuperar o porto e gañar ese espazo para os grandes e para os pequenos

Neste contexto, indicou que "temos que decidir se queremos unha cidade próxima, inclusiva, acolledora, sostible, ou se queremos volver para atrás", afirmou dirixíndose aos seus simpatizantes, aos que lles dixo que terán que escoller "entre avanzar ou retroceder".

Sobre o modelo de xestión explicou que "esta cidade xa non se goberna en reservados de restaurantes" e pediu para a gobernanza da Coruña "lealdade institucional"; nese sentido, anunciou a "creación dunha mesa permanente de cooperación que se convocará ao día seguinte da toma de posesión para tratar todos os asuntos da cidade", como o Porto Exterior ou o tren.

Ferreiro presentouse con dez grandes retos de cidade e un desexo, que é "a recuperación do noso porto, derrubando os muros, porque temos que tocar o mar e gañar ese espazo para os grandes e para os pequenos", explicou á audiencia. Entre os dez retos que repasou citou o "liderado, a mobilidade sostible, a loita contra o cambio climático, a innovación, igualdade de xénero, xustiza social, novos coidados, cooperación, dereito á cidade e proximidade".

Xulio Ferreiro asumiu os dez puntos como "un compromiso, para os que necesitamos un goberno forte e seguir co modelo de cambio".

Comentarios