Un incendio arrasa unha nave de raticidas en Vilagarcía

Incendio nunha nave industrial en Vilagarcía de Arousa. PROTECCIÓN CIVIL

O lume afectou as instalacións da empresa Impex Europa

Un importante incendio nunha nave industrial no Polígono de Trabanca Badiña, en Vilagarcía de Arousa, arrasou a nave da empresa Impex Europa sen producir danos persoais, segundo informa Emergencias.

O lume orixinouse este sábado ao redor das 11:45 horas e quedou extinguido pasadas as 15.00 horas. Un total de nove dotacións do servizo municipal de urxencias, bombeiros do Salnés e Protección Civil traballaron en sufocar as chamas que calcinaron a nave, dedicada á fabricación de raticidas e insecticidas.

As chamas devoraron as instalacións e a intensa fumareda negra puido verse desde diferentes zonas da localidade.

Por seguridade, segundo informa o 112 Galicia, foron desaloxadas dúas vivendas situadas na parte traseira da nave afectada. Axentes da Policía Nacional, Local e Autonómica estableceron un cordón de seguridade para garantir a protección dos veciños e facilitar os traballos de extinción. Traballadores das empresas lindeiras foron tamén desaloxados e incluso a empresa de transportes Pereira tivo que sacar os autobuses das instalacións. 

Unha vez terminada a intervención dos efectivos de urxencias, os desaloxados puideron regresar ás súas casas.