A Fiscalía de Galicia alerta do aumento da violencia machista sobre menores

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, lamenta o aumento de ata o 25% durante o último ano

Fernando Suanzes. EP
photo_camera Fernando Suanzes. EP

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, alertou este martes do paulatino incremento dos delitos de violencia machista contra menores. Á saída do encontro que mantivo este martes pola mañá no Parlamento de Galicia co seu presidente, Miguel Santalices, a quen entregou a Memoria Anual da Fiscalía Superior correspondente ao ano 2017, Suanzes mostrou "certa preocupación" polo aumento, un 25% no último ano, da violencia machista sobre os menores.

Neste apartado, o fiscal superior recordou que no ano 2014 os casos asociados a violencia sobre menores foron 5; 11 en 2015; 16 no ano 2016, e 20 casos o ano pasado. Aínda que este tipo de feitos delituosos representa unha porcentaxe relativamente baixa dentro dos procedementos xudiciais relativos a menores, o fiscal superior advertiu de que "non hai que perdelos de vista e atallar esa criminalidade".

Suanzes entende que os delitos sobre menores "veñen a ser unha reprodución do que estamos a observar no ámbito de maiores". "Non é aínda un tema extraordinariamente preocupante, son 20 casos en toda Galicia en relación con máis de 3.000 asuntos que se incoan contra menores, pero si hai que telo presente e atallar esa forma de violencia", alertou.

No apartado de violencia machista, o titular da Fiscalía de Galicia informou de que "todos os parámetros van en aumento", a pesar de incidir en que Galicia, e España no ámbito máis amplo, "é un dos países que máis en serio o toma e hai unhas leis e uns mecanismos para tratar de atallalo".

Respecto da violencia sobre a muller, informou de que se procedeu a nomear unha delegada en Galicia da Fiscalía neste apartado, "un instrumento máis de coordinación e de loita contra este tipo delituoso, que é inasumible", indicou.

Sobre este particular, Suanzes dixo que "existe unha maior concienciación e por iso se denuncia máis" e engadiu que o "perfeccionamento" dos mecanismos de control, como ocorre tamén no caso dos delitos relacionados cos incendios forestais, tamén é efectivo.

Sobre os delitos contra a liberdade sexual, Suanzes indicou que na memoria do ano 2017 representan un 12%; os malos tratos na familia un 17,5%, e dixo que tamén se incrementan os delitos relacionados co medio ambiente, preto dun 25%. Pola contra sinalou que diminúen os delitos de lesións, case un 30%, e que os que afectan a patrimonio e orde socio-económico descenden un 5,2%.

A Memoria da Fiscalía de 2017 recolle tamén 12 asuntos que foron cualificados de asasinatos ou homicidios, dos cales dous corresponden a violencia machista. En canto aos delitos relacionados coa corrupción social, política e económica, o fiscal superior informou de que diminuíron as incoaccións un 18,32%.

O titular da Fiscalía de Galicia referiuse tamén á protección de tutela que este órgano ten sobre os colectivos máis vulnerables, con especial seguimento das persoas maiores. Neste sentido, informou de que se constata un aumento do 30% no número de dilixencias relativas a demandas de incapacidade, así como un aumento en preto dun 25% do número de internamentos.

Sobre as cifras globais, a Memoria da Fiscalía recolle que no ano 2017 tramitáronse nos xulgados galegos un total de 136.751 asuntos, dos que finalizaron 104.175 e quedaron pendentes 32.576.

Para rematar, Suanzes informou de que a partir do mes de novembro todas as fiscalías galegas contarán cuns puntos de atención e coordinación en virtude dun convenio asinado entre a Fiscalía Xeral do estado e Cruz Vermella Española para detectar malos tratos e violencia e malos tratos nas persoas de máis idade e levar a cabo a protección xurídica que corresponda.

Comentarios