Fixan unha fianza de 30.000 euros para Santórum polo alixo de catro toneladas de cocaína

O arousán é considerado como un dos xefes de intentar introducir os 4.000 quilos de droga en Galicia a través do buque Karar ►Tamén podería estar vinculado co narcosubmarino que encallou en Aldán
Juan Carlos Santórum Navazas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Juan Carlos Santórum Navazas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra estimou o recurso interposto pola defensa do arousán Juan Carlos Santórum contra o auto de prisión do xulgado de instrución 3 de Vigo, en relación co alixo do buque Karar, que foi interceptado en abril pasado con catro toneladas de cocaína a bordo, e decretou prisión provisional eludible previo pago dunha fianza de 30.000 euros.

No entanto, Santórum, ao que as forzas de seguridade tamén vinculan co alixo interceptado a finais de 2019 nun narcosubmarino que encallou nas costas de Aldán, en Cangas, atópase en prisión cumprindo unha condena ditada pola sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, por revelación de segredos e, segundo apuntaron fontes de Institucións Penais, non será excarcerado.

O tribunal provincial condenou a este arousán a algo máis de dous anos de prisión por revelación de segredos, ao facerse con información reservada sobre a loita contra o narcotráfico, en colaboración con dous axentes da Garda Civil, que tamén foron condenados. A defensa solicitou a suspensión da pena, pero esa petición foi desestimada e Santórum foi detido a principios de setembro, precisamente cando ía presentarse ante a Audiencia en Pontevedra, e ingresou en prisión.

Con respecto á causa que se instrúe en Vigo, as forzas de seguridade consideran a Santórum un dos xefes do grupo que intentou introducir uns 4.000 quilos de cocaína en Galicia, a bordo do buque Karar. Nese operativo foron detidas 28 persoas, mentres que a Santórum déuselle por "fuxido".

Hai unhas semanas, o investigado compareceu ante o xulgado vigués, que decretou o seu ingreso en prisión preventiva polo alixo do Karar, pero Santórum recorreu e a Audiencia Provincial fixou agora unha fianza de 30.000 euros, xa que a maioría dos investigados por estes feitos atópanse en liberdade, e non se apreciaron indicios suficientes para impor o cárcere sen fianza.

Comentarios